A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, mantivo hoxe en Rois un encontro cun dos beneficiarios destas axudas, cuxa convocatoria está aberta ata o 16 de novembro
A Xunta recibe en 12 días máis de 300 solicitudes ás achegas de adquisición de vivenda para menores de 36 anos en concellos de menos de 10.000 habitantes
A conselleira lembrou que o orzamento destinado a esta convocatoria ascende a 2M€ e que as achegas incrementaron a contía máxima ata os 15.000€ por vivenda
O pasado 2025 concedéronse axudas a 380 mozos e mozas dun total de 136 concellos galegos
As axudas son compatibles cos avais da Xunta para mercar vivenda e cuxa convocatoria está aberta tamén ata o 30 de outubro
Rois (A Coruña), 8 de setembro de 2026
A Xunta recibe en 12 días máis de 300 solicitudes para as achegas para adquisición de vivenda dirixidas a menores de 36 anos en concellos de menos de 10.000 habitantes. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, mantivo hoxe en Rois un encontro cun dos beneficiarios destas axudas e lembrou que a actual convocatoria permanece aberta ata o 16 de novembro.
En concreto, Allegue visitou o fogar que Jesús, de 32 anos, puido adquirir en Rois e para o que recibiu unha axuda de 10.800€ da Xunta. Foi unha das 380 persoas menores de 36 anos que recibiu esta axuda o pasado 2025 en 136 concellos galegos de menos de 10.000 habitantes.
Enmarcou esta liña nas medidas coas que a Xunta está a impulsar en Galicia o acceso á vivenda, xunto á construción e rehabilitación, xunto aos incentivos para a construción de vivenda libre e protexida, ademais das axudas para alugueiro e compra.
Citou que a estas achegas para menores de 36 anos, dirixidas tanto á compra como a autopromoción da vivenda, destínanse na actual convocatoria 2M€. Sinalou neste senso que trala apertura do prazo de solicitudes o 27 de agosto recibíronse xa máis de 300 peticións para estas achegas, que nesta convocatoria incrementaron a contía máxima case un 39%, ata 15.000 euros por vivenda.
A conselleira lembrou que se trata de axudas compatibles cos avais para mercar vivenda que ofrece a Xunta e cuxa convocatoria tamén está aberta ata o 30 de outubro.
O Goberno galego avala ata o 20% da adquisición, que complementa o financiamento que concede a entidade bancaria, facilitando así que mozos e familias poidan afrontar a compra do seu primeiro fogar. Nesta convocatoria, a Xunta avala ata 5M€.
Ademais, o Goberno galego tamén vén de ampliar en 2M€ o crédito da liña de axudas á adquisición de vivendas en centros históricos e de vivenda protexida, co obxectivo de seguir atendendo a demanda da cidadanía. O prazo de solicitude está aberto ata o día 15 de outubro.