O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria participou na entrega deste recoñecemento
A Xunta destaca o proxecto Plantavid como exemplo de innovación para afrontar os retos da viticultura galega
A iniciativa recibiu unha mención especial na sección de Viticultura e Enoloxía do V Foro de Innovación Produtiva do Sector Agrario
O proxecto permitiu avaliar cientificamente o potencial da Folla Redonda como portaenxerto e o seu comportamento fronte á podremia branca da raíz, o estrés hídrico ou os nematodos
Entre os resultados destaca a súa resposta ao estrés hídrico, superior á observada no 110R nos ensaios realizados, o que abre novas posibilidades de estudo ante os efectos do cambio climático
O Barco de Valdeorras (Ourense), 8 de setembro de 2026
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, reafirmou hoxe o compromiso da Consellería do Medio Rural coa investigación, a innovación e a transferencia de coñecemento ao sector durante a entrega dunha mención especial ao proxecto Plantavid, recoñecido na sección de Viticultura e Enoloxía do V Foro de Innovación Produtiva do Sector Agrario.
A iniciativa, coordinada por Viveiros López Vid e na que participaron a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega-Agacal), a Cooperativa Vitivinícola Arousana e Viña Costeira, estudou o potencial da Folla Redonda como portaenxerto de vide, partindo da hipótese existente entre viticultores galegos de que este material podía presentar resistencia á Armillaria mellea, fungo responsable da podremia branca da raíz.
Este fungo ataca o sistema radicular das plantas, pode permanecer durante anos no solo e actualmente non existe un tratamento efectivo para o seu control. A súa incidencia está relacionada, entre outros factores, coa implantación de viñedo en terreos anteriormente forestais e coa replantación de viñedos vellos.
Os ensaios realizados permitiron contrastar cientificamente a hipótese de partida e comprobar que a Folla Redonda tamén resulta afectada pola Armillaria, polo que non constitúe unha solución definitiva fronte á podremia branca. Ao mesmo tempo, a investigación identificou outras características deste material vexetal que abren novas posibilidades para continuar estudando a súa utilización como portaenxerto.
Entre elas destaca a súa boa resposta ao estrés hídrico. Nos ensaios comparativos realizados en 2024, o comportamento da Folla Redonda foi, en xeral, superior ao do 110R, un dos portaenxertos máis empregados no viñedo galego. Os resultados apuntan así ao interese de continuar investigando este material pola súa posible adaptación a escenarios de menor dispoñibilidade de auga e, polo tanto, ante un dos retos que o cambio climático presenta para a viticultura.
O proxecto tamén permitiu analizar o seu comportamento fronte a nematodos, diferentes condicións de pH e salinidade e a súa capacidade de absorción de potasio, obtendo resultados que amplían o coñecemento dispoñible sobre as posibilidades e limitacións da Folla Redonda como portaenxerto. As conclusións finais destacan precisamente a súa resposta ao estrés hídrico, o seu comportamento en solos con nematodos e a súa capacidade de absorción de potasio como aspectos de interese para futuros traballos.
Investigación aplicada ao viñedo galego
Outro dos eixos de Plantavid foi trasladar estes avances á produción real de planta. Para iso traballouse con cinco variedades galegas —Albariño, Caíño Branco, Godello, Treixadura e Mencía— e avaliáronse diferentes sistemas de produción e enxerto. Os resultados apuntan ao enxerto en campo mediante a técnica tradicional de cuña sobre barbados de dous anos como o sistema que ofreceu unha maior viabilidade entre os analizados.
Ademais, establecéronse campos de ensaio no Ribeiro e no Salnés que permitirán seguir avaliando durante os próximos anos o comportamento das plantas nas condicións reais do viñedo. Deste xeito, os resultados obtidos durante a execución do proxecto deixan tamén unha base experimental para continuar xerando coñecemento máis alá da súa finalización.
Neste sentido, Alemparte salientou que Plantavid exemplifica o modelo de innovación que se procura impulsar desde a Xunta: partir dun problema concreto do sector, contrastar as posibles solucións mediante investigación científica e trasladar os resultados ao territorio, tanto cando confirman as hipóteses iniciais como cando permiten descartar unha vía e abrir outras novas.