Belén do Campo asiste ao sorteo de 50 vivendas en Xuxán das que o 40% están destinadas a menores de 36 anos
Entre outros requisitos os adxudicatarios, deben residir ou traballar na Coruña e acreditar ingresos ponderados por unidade familiar ou convivencial de entre 0,7 e 4 veces o índice público de renda de efectos múltiples (IPREM) ou 4,5 veces no caso de familias numerosas, unha nova medida do Goberno galego para facilitar o acceso de máis persoas á vivenda pública
Belén do Campo destacou que Galicia está a actuar para poñer máis vivenda protexida no mercado e facilitar que os galegos poidan acceder a ela
A Coruña, 9 de setembro de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada pola directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire, asistiu ao sorteo de 50 vivendas de promoción pública que se constrúen na parcela Z-38 no barrio de Xuxán, na Coruña, destinadas a alugueiro accesible. O sorteo realizouse ante notario entre os inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda para o concello da Coruña como municipio preferente.
A promoción está integrada por 48 vivendas correspondentes á quenda xeral e dúas reservadas para persoas con mobilidade reducida. Das vivendas da quenda xeral, o 40 %, un total de 19, está destinado a persoas menores de 36 anos, co obxectivo de facilitar especialmente o acceso á vivenda por parte da mocidade.
As vivendas sorteadas dispoñen de dous, tres e catro dormitorios, con superficies que oscilan aproximadamente entre os 70 e os 114 metros cadrados, e contan tamén con praza de garaxe e rocho. O procedemento permitiu seleccionar 50 persoas adxudicatarias e 154 reservas, distribuídas en función da composición das unidades familiares ou de convivencia e das características das vivendas. Os prezos do aluguer oscilarán entres os 138,60 euros e os 409,16 euros.
Para poder participar no proceso era necesario, entre outros requisitos, estar inscrito no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia, acreditar uns ingresos ponderados dentro dos límites establecidos, residir ou traballar no Concello da Coruña e non ser propietario dunha vivenda. Cómpre lembrar que tras este sorteo haberá un prazo de 10 días para presentar alegacións, logo verificarase o cumprimento dos requisitos e posteriormente publicarase a listaxe definitiva.
Este edificio contou cun investimento de case 11 M€ e ten unha altura de baixo e 5 plantas, e contará con pisos de 2 a 4 dormitorios. Do citado investimento de 10,9 M€, a Xunta asume con fondos propios 8,4 M€ (77,2 %), mentres que os restantes 2,4 M€ (22,8 %) financiaranse con fondos europeos MRR.
Cidade da Coruña
A representante do Goberno autonómico lembrou que a Xunta de Galicia está a desenvolver actualmente un total de 1.061 vivendas na cidade da Coruña, no marco das diferentes actuacións impulsadas para incrementar o parque público e facilitar o acceso a unha vivenda digna e a prezos accesibles.
No barrio de Xuxán, en concreto, hai actualmente 104 vivendas en obras. Ademais, está licitada a redacción do proxecto para outras 264 vivendas de protección pública na parcela Z-46, mentres que tamén está licitado o proxecto e a obra doutras 264 vivendas na parcela Z-44.
A estas actuacións engádense as promocións previstas en parcelas cedidas polo Concello con outras 99 vivendas, así como diferentes iniciativas ao abeiro do Plan Rexurbe e actuacións destinadas especificamente á mocidade como a construción de 168 vivendas públicas, que se completarán con 150 aloxamentos compartidos e unha residencia universitaria de 150 prazas que se asentarán sobre unha parcela de 38.000 metros cadrados propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) emprazada no campus universitario de Elviña. Estes proxectos están na fase de valoración das propostas finalistas e prevese que estea resolto o vindeiro mes de outubro.
Impulso vivenda pública
A delegada territorial da Xunta puxo en valor a política de vivenda que está a desenvolver o Goberno galego e destacou o marcado contraste entre a estratexia de impulso da vivenda protexida en Galicia e as medidas impulsadas polo Goberno central. Neste senso apuntou que a mensaxe que traslada a Xunta é claro: Galicia está a actuar para poñer máis vivenda protexida no mercado e facilitar que os galegos poidan acceder a ela .
Belén do Campo defendeu a Estratexia impulsada polo Goberno galego que fixa como un dos seus principais obxectivos duplicar o parque público de vivenda durante esta lexislatura, pasando das actuais 4.000 vivendas a 8.000 en 2028 e alcanzando as 10.000 en 2030. Ademais, o Goberno galego traballa para dispoñer de chan que permita construír ata 20.000 vivendas de protección pública, mediante a colaboración entre as administracións e o sector privado.
Entre as medidas xa activadas destacan os Proxectos de Interese Autonómico (PIA), destinados a reducir os prazos de tramitación de novo chan residencial, así como as axudas de ata 20.000 euros para a compra de vivenda protexida, o financiamento de promocións públicas impulsadas polos concellos e as medidas para facilitar a finalización de edificios inacabados sempre que unha parte substancial das súas vivendas teña carácter protexido.
A representante do Goberno galego subliñou tamén a importancia da nova Estratexia de impulso da vivenda protexida en Galicia, que amplía o acceso a estas vivendas ao elevar os límites de ingresos esixidos ás familias. “A vivenda protexida ten que chegar a máis persoas, non quedarse limitada a uns poucos perfís de renda”, afirmou, destacando que a Xunta está a ampliar os limiares para que máis familias poidan acceder a unha vivenda a prezo limitado Concretamente, os adxudicatarios teñen que acreditar, tras o incremento dos limiares de renda, ingresos ponderados por unidade familiar ou convivencial de entre 0,7 e 4 veces o índice público de renda de efectos múltiples (IPREM) ou 4,5 veces no caso de familias numerosas, unha nova medida do Goberno galego para facilitar o acceso de máis persoas á vivenda pública.
A delegada concluíu reivindicando que a política de vivenda debe medirse polos seus resultados e pola súa capacidade para dar resposta ás familias, e defendeu que Galicia está a apostar por unha estratexia baseada en “máis chan, máis vivenda protexida, máis parque público e máis facilidades para comprar ou alugar”. “Fronte aos anuncios e as fórmulas improvisadas do Gobierno central, Galicia está a poñer recursos, chan e axudas encima da mesa para que máis galegos poidan acceder a unha vivenda a un prezo asequible”, concluíu.