A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto co secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto G. Porto, presidiu a reunión do consello de administración de Vipugal

A Xunta adxudica a obra de construción de 26 vivendas de promoción pública en Teo

O importe de adxudicación é de preto de 5 millóns de euros

Construiranse nunha parcela cedida de balde polo Concello

O inmoble contará con 13 vivendas de dous dormitorios, 10 de tres e tres de catro

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2026

O consello de administración da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal) autorizou hoxe a adxudicación do contrato para a construción de 26 vivendas de promoción pública na parcela P-09 do Plan Parcial SAUR 2 As Galanas, no municipio de Teo, cedida de balde polo Concello. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto co secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, presidiu esta mañá a reunión do consello de administración de Vipugal.

Será a empresa Xestión Ambiental de Contratas, S.L.. a encargada da construción das vivendas, segundo o proxecto redactado por Sabín Blanco Arquitectos, adxudicado por importe que rolda os 210.000 euros (207.116,91€).

A Xunta investirá preto de 5 M€ (4.927.128,41 €) na construción destas vivendas, que se financian integramente con recursos propios, sen ningún tipo de achega estatal ou europea. A esta contía hai que sumar o custe do proxecto e os traballos técnicos.

O inmoble contará cun total de 13 vivendas de dous dormitorios, 10 de tres dormitorios e tres de catro.

A licitación enmarcase no compromiso da Xunta de duplicar o parque de vivenda pública no período 2024-2028 para chegar ás 8.000 vivendas pública e a previsión do Pacto de Vivenda de Galicia 2026-2030 de chegar a 10.000 vivendas públicas no ano 2030.

Ademais das vivendas das Galanas, en Teo construiranse outras 36 vivendas de promoción pública noutra parcela cedida polo concello na Ramallosa. Neste caso licitouse xa o contrato para a redacción de proxectos, dirección de obra e obras de construción, con técnicas industrializadas (proxecto e obra), por importe de 8.778.075,93 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/09/2026