A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, deu conta da convocatoria nun encontro coa presidenta do Colexio Oficial de Administradores de Fincas de Galicia, Teresa Suárez Agrasar
A Xunta convocará con carácter retroactivo as axudas para rehabilitación edificatoria, cun orzamento de 13,6 M€
Debido ao retraso de 8 meses na transferencia dos fondos do Plan Estatal de Vivenda, a Xunta non puido convocar aínda as axudas desta anualidade, de xeito que publicará a convocatoria a finais de ano, por anticipado de gasto, para abrir o prazo de solicitudes en xaneiro do 2027, pero terán carácter retroactivo
A conselleira lembrou que estas axudas están destinadas á rehabilitación de edificios, vivendas unifamiliares e actuacións dentro de vivendas situadas en edificios e serán subvencionables as obras iniciadas neste 2026 e o único requisito será que non estean finalizadas no momento da convocatoria
As achegas para accesibilidade, seguridade e habitabilidade poderán solicitarse de xeito acumulativo, de xeito que poderán alcanzar os 49.000€ por vivenda
Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2026
A Xunta convocará con carácter retroactivo as axudas destinadas á rehabilitación de edificios residenciais, vivendas unifamiliares e actuacións dentro de vivendas situadas en edificios, ás que se destinará un orzamento de 13,6M€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, deu conta hoxe desta convocatoria no encontro mantido coa presidenta do Colexio Oficial de Administradores de Fincas de Galicia, Teresa Suárez Agrasar.
Allegue subliñou a estreita colaboración con esta entidade colexial, que forma parte do Observatorio de Vivenda de Galicia e sinalou que no encontro celebrado hoxe en San Caetano deu conta destas axudas “tan demandadas”, cuxa convocatoria estaba pendente da transferencia dos fondos do Plan Estatal de Vivenda, que foi de 45,6M€. A conselleira lamentou que debido a este retraso de 8 meses na transferencia, a Xunta non puido convocar aínda as axudas deste exercicio, “toda vez que aínda non están formalizados os convenios entre o Estado e as Comunidades Autónomas”.
Deste xeito, a Xunta lanzará a convocatoria por anticipado de gasto a finais de ano, e abrirá o prazo de solicitudes en xaneiro do 2027 con carácter retroactivo, de xeito que as obras que teñan comezado neste 2026 poderán ser subvencionables. O único requisito será que non estean finalizadas no momento da convocatoria.
Convocaranse dúas liñas de axudas. Por unha banda, as destinadas á rehabilitación integral de edificios de vivendas, incluídas as vivendas unifamiliares. Neste caso, incluiranse como subvencionables actuacións para mellorar a seguridade, a accesibilidade e a habitabilidade e sostibilidade. No primeiro caso incluiranse por exemplo axudas para envolventes das fachadas e a contía poderá acadar ata 8.000€ por vivenda e 90€ por m2 de local (40% do custo da actuación).
No caso da accesibilidade, as axudas poderán acadar ata 13.000€ por vivenda e 145€ por m2 de superficie construída de locais comerciais e outros usos (18.000€ se son persoas maiores de 65 anos ou cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%, e no caso de que o grao de discapacidade sexa igual ou superior do 65%, poderán acadar 20.500 €.
E no ámbito da habitabilidade e sostibilidade, subvencionaranse actuacións de mellora ou rehabilitación dos edificios, como a retirada de produtos da construción que conteñan amianto, medición do gas radon, obras para a eliminación do gas radon, actuacións relacionadas coa envolvente do edificio, dentro das condicións técnicas que fixa o programa. A contía poderá acadar 20.500€ por vivenda e 228€ por m2 de local, en función do aforro enerxético obtido.
A outra liña das achegas está dirixida ás intervencións de rehabilitación dentro das vivendas situadas en edificios. Neste caso, serán para melloras da accesibilidade, con ata 18.000 € en función do grado de discapacidade da persoa solicitante e as de habitabilidade e sostibilidade, dentro das condicións concretas establecidas polo programa, con ata 7.500€ por vivenda (40 % do custo).
Allegue trasladou á presidenta do Colexio que as axudas para accesibilidade, seguridade e habitabilidade poderán solicitarse de xeito acumulativo, de xeito que poden acadar ata 49.000€ por vivenda.
Zona tensionada
Por outra banda, a conselleira incidiu nos últimos datos publicados polo Observatorio de Vivenda de Galicia sobre fianzas e prezos dos alugueiros nas cidades. No caso da Coruña, declarada zona tensionada, que continúa a tendencia á baixa nos contratos, cun descenso do 52,2% respecto ao mes de xuño (pasouse de 410 a 349), mentres que os prezos do alugueiro experimentaron un leve ascenso, pasando dos 741 € no mes de xuño, aos 755 do mes de xullo.
Allegue insistiu en que a intervención non é a solución, “senón que a clave é incrementar o oferta da vivenda no mercado”.