O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración comprobou na Peroxa o desenvolvemento dos traballos de albanelería do obradoiro de emprego

A Xunta destaca o valor do obradoiro dual ‘Santa Águeda IX’ na empregabilidade e a atención ás necesidades do territorio na Peroxa, Amoeiro e Coles

O Goberno galego destina máis de 461.000 euros a esta iniciativa, que combina formación e emprego durante nove meses nas especialidades de albanelería —á que pertencen os traballos da visita— e atención sociosanitaria en institucións

No marco da visita, o conselleiro salientou que estes programas permiten mellorar a cualificación profesional das persoas desempregadas participantes e ao tempo contribúen á mellora de infraestruturas públicas

No caso da provincia de Ourense, están en marcha 23 obradoiros nos que se forman 460 participantes de 57 concellos e catro mancomunidades

Para o período 2026-2027 a Xunta prevé apoiar arredor dun cento de obradoiros en toda Galicia, dos que se beneficiarán unhas 2.000 persoas co foco na inserción laboral e na cobertura de vacantes en sectores estratéxicos, especialmente no rural

A Peroxa (Ourense), 9 de setembro de 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, e polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou recentemente o concello da Peroxa para comprobar os traballos que se están a desenvolver na modalidade de albanelería do obradoiro dual de emprego Santa Águeda IX, que o Concello da Peroxa comparte cos de Amoeiro e Coles. Esta actuación está financiada polo Goberno galego cun investimento de máis de 461.000 euros e conta coas especialidades de auxiliares de albanelería —obxecto da visita— e atención sociosanitaria en institucións.

Nesta liña, no marco da visita —na que, entre outros, tamén estivo o alcalde da Peroxa, Manuel Seoane— o conselleiro destacou este obradoiro dual como exemplo do que o Goberno galego busca con estas ferramentas, que é ofrecer formación práctica e un traballo efectivo ás persoas desempregadas. Ao mesmo tempo, tamén ten como fin dar resposta ás necesidades reais dos municipios mediante actuacións que repercuten directamente no territorio.

Con ese fin, para o período 2026-2027 a Xunta prevé apoiar arredor dun cento de obradoiros en toda Galicia, dos que se beneficiarán unhas 2.000 persoas. No caso da provincia de Ourense, están en marcha 23 obradoiros nos que se forman 460 participantes de 57 concellos e catro mancomunidades, cun investimento global de 10,5 M€.

Neste obradoiro en concreto, participan 20 persoas desempregadas —10 por cada unha das especialidades— que combinarán formación e emprego durante nove meses. No caso da especialidade de albanelería levaranse a cabo nos concellos da Peroxa, Amoeiro e Coles actuacións relacionadas co mantemento, mellora e rehabilitación de locais de interese para a cidadanía, como locais sociais, instalacións deportivas, así como de elementos patrimoniais como lavadoiros e fornos, entre outros.

Reforzo dos obradoiros duais

O Goberno galego reforzou nesta edición as bases dos obradoiros duais de emprego para mellorar a empregabilidade das persoas participantes e dar resposta ás necesidades de man de obra en sectores estratéxicos, especialmente no rural. Entre as principais novidades, está a reserva de fondos para programas vinculados aos ámbitos agrario e de seguridade e medio ambiente, con especial atención á prevención de incendios forestais e á recuperación dos soutos de castiñeiros e das frondosas autóctonas.

Ademais, a convocatoria incorpora anticipos do 100 % para facilitar a xestión das entidades locais, duplica ata os 3.000 euros os incentivos ás empresas que contraten participantes ao remate do obradoiro e crea unha nova axuda de 1.500 euros para os concellos por cada inserción laboral. Tamén reforza a formación práctica, que pasa a representar o 65 % do programa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/09/2026