A Xunta pon en valor o control da vendima como garantía da orixe e da calidade dos viños galegos

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria visitou a adega A Vilerma, na Denominación de Orixe Ribeiro, para coñecer sobre o terreo os controis que se realizan durante a recepción da uva

Os consellos reguladores verifican aspectos como a procedencia da uva, a súa entrada nas adegas e o cumprimento dos rendementos e das condicións establecidas para cada denominación de orixe

Estes controis permiten garantir a trazabilidade da produción e evitar a entrada no sistema de uva que non cumpra os requisitos da denominación, protexendo aos operadores e a confianza dos consumidores

Os cinco consellos reguladores vitivinícolas contan con 22 persoas dedicadas de xeito permanente aos labores de control, reforzadas por outras 45 durante a vendima

Leiro (Ourense), 9 de setembro de 2026

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, visitou hoxe a adega A Vilerma, pertencente á Denominación de Orixe Ribeiro, para coñecer sobre o terreo os labores de control que desenvolven os consellos reguladores durante a vendima e poñer en valor a súa importancia como garantía da orixe, trazabilidade e calidade dos viños galegos.

A visita permitiu comprobar de maneira práctica un dos momentos fundamentais do sistema de control das denominacións de orixe: a entrada da uva nas adegas. Durante a vendima verifícase, entre outras cuestións, a procedencia da uva, a súa correspondencia coas parcelas e operadores inscritos e o cumprimento das producións máximas e demais requisitos establecidos nos pregos de condicións de cada denominación.

Alemparte destacou que este traballo resulta esencial porque unha denominación de orixe non é unicamente unha identificación xeográfica ou un distintivo de calidade, senón tamén un sistema de garantías. Así, os controis permiten acreditar que a uva coa que se elaboran os viños amparados procede realmente do territorio delimitado e cumpre as condicións establecidas para poder comercializarse baixo o nome da correspondente denominación.

Neste sentido, o director salientou que estes mecanismos contribúen tamén a previr a entrada de uva foránea ou non autorizada no circuíto da denominación, evitando prácticas que poderían prexudicar aos viticultores e adegas que respectan as normas e comprometer o prestixio construído polos viños galegos ao longo das últimas décadas.

Protexer o sector e o consumidor

O control constitúe así unha ferramenta de protección tanto para os operadores como para os consumidores. Para os primeiros, porque garante unhas mesmas regras para todos e defende o valor da uva e do viño producido dentro do territorio amparado. Para os segundos, porque permite confiar en que detrás do selo dunha denominación de orixe existe un sistema de trazabilidade e control que acredita a procedencia e autenticidade do produto.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria é a autoridade competente en materia de denominacións de orixe agroalimentarias e ten delegado nos correspondentes consellos reguladores o control do cumprimento da normativa específica de cada denominación, que estes desenvolven baixo a supervisión da propia axencia.

Un control reforzado durante a vendima

Precisamente pola intensidade da actividade nestas semanas, os labores de control refórzanse durante a vendima. Os cinco consellos reguladores vitivinícolas dispoñen dun cadro de 22 persoas dedicadas de maneira permanente ao control, ás que se incorporan 45 persoas con contratos temporais para reforzar estes traballos durante a campaña.

A este dispositivo súmase o persoal da Consellería do Medio Rural, así como a colaboración das forzas e corpos de seguridade do Estado e da Policía autonómica. Estes últimos participan especialmente no control dos movementos de uva e mosto polas vías públicas e na comprobación da correspondente documentación de acompañamento.

Para apoiar economicamente esta actividade, Medio Rural dispón dunha liña específica de axudas destinada aos custos dos controis realizados polos consellos reguladores, que se complementa coa destinada aos seus gastos de funcionamento. En 2026, entre ambas as dúas liñas os cinco consellos reguladores vitivinícolas recibiron máis de 273.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/09/2026