O conselleiro de Sanidade respondeu hoxe a unha pregunta no Pleno do Parlamento
Gómez Caamaño explica que o traslado da ambulancia medicalizada do Salnés no verán se sustenta en criterios técnicos e de demanda e está avalado polo 53 % das mobilizacións localizadas en Sanxenxo
O balance deste verán reflicte que, en xullo e agosto, a ambulancia se mobilizou en 207 ocasións, das que 110 foron en Sanxenxo
Vilagarcía de Arousa mantivo neses meses a súa ambulancia de soporte vital básico as 24 horas, reforzada con outra ambulancia entre as dez da mañá e as dez da noite
A zona conta con cinco ambulancias básicas en funcionamento permanente, nas bases de Caldas de Reis, Cambados, O Grove, Sanxenxo e Vilagarcía de Arousa, ademais dese reforzo estival e da unidade avanzada
Incide que no dispositivo estival tamén se reforzaron os centros de saúde e os puntos de atención continuada, ao igual que o Hospital do Salnés
Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2026
O conselleiro de Sanidade explicou hoxe no Parlamento que o traslado da ambulancia medicalizada do Salnés se sustenta en criterios técnicos e de demanda e está avalado polos datos, xa que o 53 % das mobilizacións se localizaron en Sanxenxo.
En resposta a unha pregunta parlamentaria, o titular de Sanidade subliñou que as decisións do 061 están baseadas en análises rigorosas da actividade dos recursos, a distribución da poboación, os tempos de resposta, os percorridos aos hospitais e a accesibilidade.
Tal e como detallou, o balance deste verán reflicte que, en xullo e agosto a ambulancia realizou 207 mobilizacións, das que 110 tiveron lugar en Sanxenxo, o 53,1 %. Máis da metade da actividade da unidade concentrouse nese municipio no que se situou temporalmente a base.
Outras 97 mobilizacións realizáronse fóra de Sanxenxo: 32 en Vilagarcía de Arousa e 22 no Grove, ademais de actuacións en Meaño, Cambados, Meis, Poio, Vilanova de Arousa, A Illa de Arousa e Ribadumia.
Estes datos acreditan que a ambulancia continuou atendendo a todos os concellos. Respecto de Vilagarcía de Arousa, no verán mantívose a súa ambulancia de soporte vital básico as 24 horas e engadiuse outra durante xullo e agosto, das dez da mañá ás dez da noite. A unidade de doce horas foi un reforzo adicional á básica permanente.
O conselleiro referiu que a zona conta con cinco ambulancias básicas en funcionamento permanente, nas bases de Caldas de Reis, Cambados, O Grove, Sanxenxo e Vilagarcía de Arousa, ademais dese reforzo estival e da unidade avanzada.
A decisión de cambiar no verán a base da ambulancia a Sanxenxo vese corroborada tamén polos datos do 2025 posto que, en xullo e agosto do pasado ano, esta unidade realizou 245 mobilizacións, das que 118 corresponderon a Sanxenxo e 57 a Vilagarcía de Arousa, o que reflicte que a concentración de actividade en Sanxenxo xa se rexistrou no verán anterior, sendo un dos elementos que se ten en conta para a planificación de recursos.
Función asistencial
Para decidir a localización da ambulancia, o conselleiro dixo que é necesario coñecer onde intervén, que asistencia presta e como se integra cos demais dispositivos. A actividade é un elemento de avaliación, xunto cos tempos e coa accesibilidade.
O balance dos servizos prestados no verán deste ano achega información sobre a función asistencial. Así, houbo 78 actuacións con asistencia no lugar e 18 con derivación a atención primaria. Son 96 mobilizacións, o 46,4 % do total, que finalizaron por esas dúas vías.
A atención avanzada tamén permite valorar e tratar ao paciente no punto onde se produce a necesidade, e a unidade presta apoio aos propios servizos sanitarios.
En concreto, rexistráronse 31 mobilizacións a iniciativa hospitalaria e 20 por iniciativa de médicos de atención primaria. En total, 51 actuacións solicitadas desde a rede asistencial. Trátase, pois, dun recurso que traballa cos hospitais e cos centros de saúde, ademais de atender avisos na vía pública e nos domicilios.
O conselleiro explicou que a coordinación complétase coa apoio das unidades avanzadas de Pontevedra e cos helicópteros medicalizados do 061, mobilizados segundo as necesidades e as condicións operativas.
Gómez Caamaño sinalou, así mesmo, que no dispositivo estival tamén se reforzaron os centros de saúde e os puntos de atención continuada, atendendo a acontecementos de especial afluencia, ao igual que o Hospital do Salnés.
O titula de Sanidade lembrou, ademais, que no mes de xullo se reuniu co alcalde de Vilagarcía de Arousa, xunto cos responsables da área sanitaria e do 061, para explicar as razóns desta organización.