Así o referiu o titular da carteira sanitaria da Xunta no Pleno do Parlamento
Gómez Caamaño avanza o reforzo do Hospital de Verín coa posta en marcha este mes da hospitalización a domicilio e consultas de cardioloxía e pneumoloxía
O conselleiro informa que mañá mesmo se realizarán consultas de cardioloxía no Hospital de Verín, onde a vindeira semana comezará a prestarse o servizo de hospitalización a domicilio
A Xunta continúa a reforzar a capacidade asistencial do Hospital de Verín, a través do incremento do seu cadro de persoal, da incorporación de novo equipamento tecnolóxico e de novos investimentos en instalacións
O conselleiro destaca que, desde 2024, o cadro de persoal do hospital medrou preto dun 13 % e se crearon 35 postos de traballo
Entre 2024 e 2025 incorporáronse 15 especialistas, incrementándose nun 37,5 %
Explica que case o 67 % da plantilla ten praza en propiedade e que tres de cada catro profesionais do hospital teñan posto estable
Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou hoxe no Pleno do Parlamento, o reforzo do Hospital de Verín coa entrada en funcionamento, este mesmo mes, concretamente o día 17, do equipo de hospitalización a domicilio deste distrito sanitario. Tamén este mes se porá en marcha unha consulta de pneumoloxía e mañá mesmo, 10 de setembro, comezará a actividade de consultas de cardioloxía.
Estas tres medidas demostran, en palabras do conselleiro de Sanidade, que o Goberno galego segue a reforzar a capacidade asistencial deste hospital comarcal da rede do Servizo Galego de Saúde.
Na súa intervención no Pazo do Hórreo Gómez Caamaño detallou que o Hospital de Verín continúa a reforzar a súa capacidade asistencial a través do incremento do seu cadro de persoal, da incorporación de novo equipamento tecnolóxico e de novos investimentos en novas instalacións.
En concreto, desde 2024, o cadro de persoal do hospital medrou preto dun 13 %, creáronse 35 postos de traballo e o centro conta hoxe con 350 profesionais.
Sinalou, ademais, que entre 2024 e 2025 se incorporaron 15 especialistas, incrementándose un 37,5 %.
Lembrou que o 67 % do cadro de persoal deste hospital comarcal conta con praza en propiedade e tres de cada catro profesionais teñen posto estable.
Tamén detallou que medicina interna está plenamente cuberta con oito especialistas con praza en propiedade.
Na súa intervención, Gómez Caamaño lembrou que a cobertura de prazas estruturais é practicamente do 100 %, e só restan por cubrir unha praza de neuroloxía e outra de oftalmoloxía, especialidades deficitarias en todo o Sistema Nacional de Saúde.
Todas estas incorporacións foron posibles tamén polas convocatorias de prazas de difícil cobertura habilitadas pola Xunta a través dunha Lei que busca facilitar a contratación de especialistas.
No caso concreto de cardioloxía, Gómez Caamaño explicou que a asistencia se prestou desde o servizo da área sanitaria, posto que debido a unha serie de xubilacións e baixas tivo lugar un desaxuste no cadro de persoal de Verín, que xa está resolta e permite retomar a atención en toda a área e incrementala progresivamente.
Demoras menores á media estatal e outros investimentos
No seu uso da palabra, o titular de Sanidade puxo en valor que no Hospital de Verín se agarda 56 días menos que a media estatal para unha intervención cirúrxica e 41 días menos para unha consulta especializada. Ademais subliñou que numerosas especialidades presentan demoras inferiores aos 20 días. Como exemplo, sinalou dixestivo e oncoloxía, que practicamente non teñen espera.
No capítulo de investimentos, a Xunta puxo en marcha nos últimos anos a nova área de urxencias e PAC, cun investimento de preto de cinco millóns de euros e 1.480 m2 que melloraron os espazos e a atención.
Así mesmo, instaláronse dous ecógrafos para cirurxía xeral e dixestiva e para rehabilitación, ademais de mercar unha nova torre de anestesioloxía.
Tamén citou o conselleiro a incorporación dun sistema automatizado para a xestión da dispensación de medicamentos no servizo de farmacia.
O máximo responsable do Sergas tivo palabras de recoñecemento para o traballo dos profesionais do Hospital de Verín e reiterou que a aposta da Xunta por este centro é clara. Ao respecto, referiu que o Goberno galego traballa día a día para consolidar un hospital resolutivo, cunha atención de calidade, próxima, coordinada e equitativa.