Medio Rural anima ás empresas agroalimentarias galegas a comprometerse contra o desperdicio alimentario

A conselleira María José Gómez visitou a Asociación Daquídarredor, un proxecto de espazos e cociñas de uso colaborativo a pequenos produtores locais nos que aproveitan de maneira integral as súas materias primas, reducindo o desperdicio alimentario a niveis mínimos

Lembrou que se está a elaborar a primeira Estratexia de prevención de perdas e loita contra o desperdicio alimentario de Galicia, que inclúe actuacións como o lanzamento dunha web para comercializar estes excedentes ou a creación dun selo de garantía

Gómez sinalou que reducir o desperdicio valoriza aínda máis a calidade dos produtos, engade un diferencial de sustentabilidade e mellora os rendementos económicos

Brión (A Coruña), 10 de setembro de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, animou hoxe ás empresas agraolimentarias galegas a comprometerse contra o desperdicio alimentario na súa visita ás instalacións da Asociación Daquídarredor, situadas no concello de Brión, onde estivo acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño.

Durante a visita, a titular do departamento puxo en valor o traballo que desenvolve esta asociación, un proxecto que naceu no 2019 e o cal ofrece espazos e cociñas de uso colaborativo a pequenos produtores. Neste sentido, destacou o importante traballo que realizan ao apostar pola creación de redes de colaboración locais e pola alimentación de proximidade, xa que buscan facilitar que pequenos produtores poidan transformar e comercializar os seus produtos en instalacións compartidas.

Ademais, Gómez tamén recoñeceu o compromiso de Daquídarredor contra o desperdicio alimentario, asegurando que é un exemplo para moitas industrias agroalimentarias da nosa comunidade. Detallou que nas súas instalacións aproveitan de maneira integral as súas materias primas, reducindo o desperdicio alimentario a niveis mínimos. Ademais, transforman esa materia para xerar valor engadido no noso territorio.

A conselleira afirmou que o desperdicio alimentario e unha cuestión de suma importancia, que implica a toda a cidadanía, que desde o Goberno galego se quere poñer no foco do debate público, xa que é unha problemática global pola que se traduce na perda ou desperdicio dun terzo da produción de alimentos, segundo a FAO.

Estratexia contra o desperdicio alimentario

Seguindo esta liña, a conselleira lembrou que se está a elaborar a primeira Estratexia de prevención de perdas e loita contra o desperdicio alimentario de Galicia, que inclúe actuacións diversas que poñen o foco na raíz desta cuestión.

Explicou que esta estratexia contempla a posta a disposición das persoas produtoras dunha plataforma web específica para comercializar excedentes ou produtos que non conseguiron vender por ser imperfectos e non cumprir cos estándares de forma, tamaño ou cor, pero que son de boa calidade, para que poidan ser adquiridos por comedores colectivos. A maiores, tamén se elaborará un Manifesto contra o desperdicio alimentario e as empresas que se adhiran a el, poderán contar cun selo de garantía que acreditará o seu compromiso e faráselles entrega dunha distinción anual en recoñecemento das súas boas prácticas.  

A conselleira detallou que a estratexia tamén contempla a realización de enquisas, en colaboración co Instituto Galego de Estatística (IGE) e coa Consellería do Medio Ambiente e Cambio Climático, para a diagnose da dimensión do desperdicio alimentario na nosa comunidade nos diferentes ámbitos; desde a Consellería do Medio Rural tamén se impulsarán campañas de sensibilización, concienciación e formación dirixidas á cidadanía; redactaranse guías e documentos de boas prácticas a nivel sectorial; e lanzarase unha iniciativa de elaboración de receitas de aproveitamento con cociñeiros de prestixio, entre outras medidas.

Gómez sinalou que reducir o desperdicio valoriza aínda máis a calidade dos produtos, engade un diferencial de sustentabilidade e mellora os rendementos económicos. Así mesmo, engadiu que todas estas medidas se suman a todo o traballo que desenvolve a Xunta de Galicia a través dos diferentes departamentos implicados nesta cuestión.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/09/2026