A Xunta destina 95.000€ á mellora do campo de fútbol do parque empresarial de Outeiro de Rei

A directora xeral de Administración Local e o delegado da Xunta en Lugo visitaron as actuacións executadas no marco da convocatoria do 2025 do Fondo de Cooperación Local e da Orde de infraestruturas de uso público deste ano

Actuouse na eficiencia enerxética cunha achega de 60.000 euros e na creación de novos espazos con outra de 35.000

A iniciativa enmárcase no compromiso do Goberno galego co eido local, a través de diferentes liñas de apoio que permitiron o pasado ano impulsar case un milleiro de proxectos cun investimento de 37,5 millóns de euros

Outeiro de Rei (Lugo), 10 de setembro de 2026

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o delegado da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, comprobaron as melloras no campo de fútbol do parque empresarial de Outeiro de Rei nas que a Xunta investiu 95.000 euros a través de distintas liñas de apoio ao eido local. Por unha banda, o Goberno galego destinou 60.000 euros á mellora da eficiencia enerxética a través da liña do Fondo de Cooperación Local (FCL) de 2025, dotada con 5 millóns de euros, e, por outra, 35.000 euros a través da Orde de infraestruturas de uso público deste ano, cunha dotación de 3,5 millóns de euros.

As obras de eficiencia enerxética nas gradas centráronse na instalación dunha cuberta de protección con luminarias de baixo consumo, co que se quere promover o aforro enerxético ao tempo que se mellora o confort das persoas usuarias, cunha maior protección ante as inclemencias meteorolóxicas. Trátase dunha cuberta metálica inclinada para facilitar a evacuación da auga de chuvia a través dun canlón situado na parte posterior, e con illamento para evitar condensacións.

En canto ás melloras enmarcadas na Orde de infraestruturas de uso público deste ano, segundo explicou Natalia Prieto, consisten na construción dun espazo semipechado e cuberto, cunha barra, destinado a prestar servizo de restauración tanto a deportistas como ao público asistente. Contará ademais cun pequeno almacén.

A directora xeral de Administración Local explicou que a través destas medidas se busca atender as necesidades das localidades de menor poboación, para garantir a mellor calidade na prestación de servizos municipais a toda a poboación galega, con independencia do lugar de residencia.

Outras liñas de apoio

Así, lembrou que este ano, os concellos benefícianse tamén do Fondo de Compensación Ambiental, dotado con máis de 11,4 millóns de euros e destinado a investimentos e custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do medio, da liña do Fondo de Cooperación Local para proxectos de carácter estratéxico, que conta con 10 millóns de euros, e das novas axudas para facilitarlles aos concellos a adquisición de vehículos e maquinaria vinculada a actuacións de prevención de incendios forestais, cunha dotación superior ao millón de euros, cofinanciado con fondos Feder. A elas súmase o Fondo de Cooperación Local, que chega a 187 millóns de euros, un 12% por riba de 2025.

Natalia Prieto indicou que o compromiso da Xunta coas entidades locais permitiu só o pasado ano impulsar preto dun milleiro de proxectos municipais financiados a través das distintas liñas de apoio e que supuxeron un investimento global de 37,5 millóns de euros.

No caso de Outeiro de Rei, nos últimos anos destináronse preto de 1,4 millóns de euros ao impulso de diversos proxectos. Entre os máis recentes figura a mellora da eficiencia enerxética en edificios municipais, concretamente na casa consistorial e no punto de atención continuada (PAC). A achega autonómica para estas obras supera os 54.000 a través da orde plurianual 2025-2026 de axudas de mellora de eficiencia enerxética en concellos de menos de 30.000 habitantes, cofinanciada con fondos Feder e cunha dotación de 10,3 millóns.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/09/2026