A conselleira do Medio Rural visitou as instalacións da adega Don Bernardino, recoñecida no Mondial de Vins Extrêmes 2026, especializado na viticultura heroica

María José Gómez destaca a calidade e o recoñecemento internacional dos viños da Ribeira Sacra

A titular de Medio Rural sinalou que a calidade e a vinculación co territorio caracterizan á produción vitivinícola en xeral e tamén desta zona en particular

Concretamente, Don Bernardino recibiu a Gran Medalla de Ouro co seu Mencía de Amandi 2025 e outra de outro co seu Cuarta Xeración de 2022

Lembrou que o Goberno autonómico conta cunha liña de achegas específica para a conservación da contorna paisaxística e a loita contra a erosión de viñedos nesta zona, que se resolveu cun orzamento de 1,5 millóns de euros para 700 persoas beneficiarias

Sober (Lugo), 11 de setembro de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou hoxe a calidade e o recoñecemento internacional dos viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, que veñen de ser galardoados cun total de 18 medallas de ouro na última edición do Mondial de Vins Extrêmes 2026, celebrado o pasado mes de agosto no Val de Aosta, en Italia.

Gómez salientouno hoxe na súa visita á adega Don Bernardino, situada no concello lucense de Sober, que recibiu dous destes recoñecementos, e na que estivo acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte. Concretamente, Don Bernardino recibiu a Gran Medalla de Ouro co seu Mencía de Amandi 2025 e outra de outro co seu Cuarta Xeración de 2022. Cabe sinalar que este certame está especializado en caldos procedentes da viticultura heroica, como é o caso da Ribeira Sacra.

Neste sentido, a titular de Medio Rural sinalou que a calidade e a vinculación co territorio caracterizan á produción vitivinícola en xeral e tamén desta zona en particular. Así, lembrou que o Goberno autonómico conta cunha liña de achegas específica para a conservación da contorna paisaxística e a loita contra a erosión de viñedos na Ribeira Sacra, cuxa última convocatoria se resolveu cun orzamento de 1,5 millóns de euros para 700 persoas beneficiarias.

Por outra banda, Gómez fixo puxo de relevo o compromiso do Goberno autonómico por este sector, que se materializa tamén a través doutras iniciativas para impulsar a elaboración, comercialización e promoción de produtos vitivinícolas, a modernización de viñedos e para apoiar o labor desenvolvido polos consellos reguladores Deste xeito, asegurou que se seguirá a traballar nesta liña a través do apoio económico e da colaboración constante e fluída co sector, co obxectivo de seguir impulsando este eido produtivo para así garantir a súa sustentabilidade e consolidar o seu éxito.

Data de actualización: 11/09/2026