Medio Rural destaca en Pazo de Vilane a aplicación práctica da innovación para dar resposta aos retos do sector agroalimentario

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria visitou as instalacións de Pazo de Vilane, entidade representante do grupo operativo que desenvolveu o proxecto FUNTRAPA – Fungos parasiticidas para a transición de gandarías a réximes pastorís

A iniciativa, que recibiu unha mención especial no V Foro de Innovación Agraria Galicia 2025 na categoría de gandaría e industrias agroalimentarias, contou cunha axuda de 180.000 euros

Antas de Ulla (Lugo), 15 de setembro de 2026

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, visitou hoxe as instalacións de Pazo de Vilane, entidade representante do grupo operativo que desenvolveu o proxecto FUNTRAPA – Fungos parasiticidas para a transición de gandarías a réximes pastorís, que contou cunha axuda de 180.000 euros da Consellería do Medio Rural. Durante a visita, destacou a importancia de impulsar unha innovación aplicada, capaz de trasladar o coñecemento científico ás explotacións e empresas para dar resposta a problemas concretos do sector.

Neste sentido, FUNTRAPA foi un dos proxectos recoñecidos cunha mención especial no V Foro de Innovación Agraria Galicia 2025, na categoría de gandaría e industrias agroalimentarias. Na iniciativa participaron, xunto a Pazo de Vilane, a Asociación Prodeme, a Universidade de Santiago de Compostela, a través do grupo de investigación COPAR, e a Fundación Empresa-Universidad Gallega (FEUGA).

Control biolóxico dos endoparásitos

FUNTRAPA centrouse no control dos endoparasitos que afectan ás aves poñedoras e ao porcino criados en sistemas de pastoreo, estudando o emprego de fungos presentes de maneira natural no medio como ferramenta de control biolóxico.

Entre as solucións ensaiadas incluíuse a aplicación de esporas nos aloxamentos e zonas de pastoreo, así como o tratamento de sementes forraxeiras con estes fungos. Os resultados obtidos permitiron comprobar o potencial desta estratexia para reducir o risco de infección por endoparasitos, avanzando cara a alternativas preventivas e máis sustentables.

Innovación aplicada ao sector

FUNTRAPA forma parte dunha convocatoria de Grupos Operativos da Asociación Europea da Innovación, na que a Consellería do Medio Rural apoiou 25 proxectos cun investimento público conxunto de preto de 4,3 millóns de euros. Alemparte salientou que este instrumento permite conectar as necesidades das empresas e explotacións co coñecemento científico, favorecendo a cooperación entre o sector produtivo, os centros de investigación e outros axentes para probar solucións en condicións reais e transferir posteriormente os resultados ao sector.

Neste sentido, incidiu en que “innovar non é simplemente investigar, senón conseguir que o coñecemento dea resposta a problemas reais e que esas respostas poidan chegar ao sector”

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/09/2026