A Xunta salienta a importancia da prevención dos novos riscos psicosociais para favorecer contornas laborais máis seguras e saudables

A xerente do Issga, Adela Quinzá-Torroja, participou no VIII Simposio Ibérico de Riscos Psicosociais, que reúne hoxe a expertos de España e Portugal para analizar os retos neste ámbito nun contexto de transformación dixital, ecolóxica e demográfica

Alí puxo en valor o traballo do Laboratorio de Riscos Psicosociais, impulsado polo Goberno galego xunto coa Universidade de Santiago e que desenvolve un intenso labor de investigación, divulgación, sensibilización e colaboración técnica

No eido da formación, avanzou que o Issga ten previsto desenvolver nos meses de outubro e novembro catro seminarios teórico-prácticos dirixidos ao persoal técnico dos servizos de prevención e centrados na xestión destes riscos

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2026.

A xerente do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga), Adela Quinzá-Torroja, participou esta mañá na apertura do VIII Simposio Ibérico de Riscos Psicosociais, que reúne hoxe en Santiago a profesionais e expertos de España e Portugal para analizar os principais desafíos que afronta a prevención no contexto das transformacións dixital, ecolóxica e demográfica.

O encontro, organizado pola Asociación Ibérica de Psicosociología en el Trabajo en colaboración co Issga e coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), constitúe un foro de referencia para compartir coñecemento e experiencias e impulsar novas vías de actuación neste ámbito.

Na súa intervención, a xerente do Issga subliñou a necesidade de anticiparse aos cambios que están a mudar as contornas de traballo e de incorporar a prevención dos riscos psicosociais ás novas realidades laborais, incidindo na importancia de contar con coñecemento especializado que permita identificar os factores de risco e orientar actuacións eficaces.

Neste ámbito, puxo en valor o Laboratorio de Riscos Psicosociais, iniciativa conxunta do Goberno galego e da Universidade de Santiago de Compostela (USC) creada en 2024 e destinada a favorecer a transferencia do coñecemento científico e a súa aplicación práctica nas empresas galegas.

Destacou que o Laboratorio promove, entre outras actuacións, a elaboración e difusión de materiais especializados, a organización de actividades formativas e a análise da relación entre as condicións de traballo e a saúde psicosocial.

Ademais, sinalou o compromiso do Issga coa formación específica para o persoal técnico de prevención de riscos laborais sobre a xestión dos riscos psicosociais, co obxectivo de reforzar a súa especialización e facilitar unha integración efectiva desta materia na actividade preventiva das empresas. Neste sentido, avanzou que nos meses de outubro e novembro se desenvolverán catro seminarios teórico-prácticos de 20 horas, un por provincia, dirixidos preferentemente aos profesionais PRL.

Todo este traballo, salientou, forma parte da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027, que conta cunha dotación de preto de 56 M€ e establece as prioridades da Xunta para mellorar as condicións de traballo, reducir a sinistralidade e as enfermidades profesionais e promover contornas laborais máis seguras e sostibles.

Cómpre sinalar tamén que o próximo Plan integral para a mellora da prevención, o benestar laboral e a reincorporación saudable ao traballo en Galicia 2026-2029 —xa acordado no Diálogo Social e proximamente será aprobado polo Consello da Xunta– tamén fará especial fincapé na mellora da prevención e do benestar laboral mediante a aprobación e o despregamento da Estratexia de Benestar Laboral, xa en elaboración, así como co propio reforzo do Issga, para intensificar o seu labor.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/09/2026