O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou hoxe na clausura do acto celebrado en Moraña

A Xunta reivindica a responsabilidade social e o benestar laboral como claves para a competitividade das empresas nos premios RSE Galicia 2026

Os galardóns autonómicos recoñeceron nesta edición a Galaica Consultaría Integral e Nasas Social Media, na categoría de pequena empresa; Torres y Sáez, en mediana empresa; Citanias Obras y Servicios, en gran empresa; e Altia, na de Conciliación

José González pon en valor a importancia de promover unha cultura empresarial que sitúe as persoas no centro da actividade como panca clave para a atracción e a retención de talento

Lembra que está en marcha a quinta edición do programa autonómico Responsabilízate, que ofrece acompañamento e asesoramento gratuítos ás pemes galegas para integrar a RSE na súa estratexia e xestión

Tamén sitúa o benestar laboral como un dos eixos prioritarios do Plan integral acordado no marco do Diálogo Social para dar resposta ao impacto das baixas laborais en Galicia, que se prevé aprobar este mes no Consello da xunta

Moraña (Pontevedra), 16 de setembro de 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, clausurou hoxe o acto de entrega dos Premios de Responsabilidade Social Empresarial (RSE) de Galicia 2026, onde puxo en valor a importancia de promover unha cultura empresarial que integre a responsabilidade social no seu modelo de xestión e sitúe as persoas no centro da actividade.

No acto —no que estivo acompañado pola secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias; pola directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño; e pola directora xeral de Promoción da Igualdade, Eloína Ingerto— felicitou ás entidades premiadas nesta edición: Galaica Consultaría Integral e Nasas Social Media, na categoría de pequena empresa; Torres y Sáez, na de mediana empresa; Citanias Obras y Servicios, na de grande empresa; e Altia, coa Mención á Conciliación.

González destacou que estes galardóns permiten visibilizar empresas que, cumprindo xa co que establece a normativa, van un paso máis aló no seu día a día en aspectos como o benestar laboral, a conciliación e a corresponsabilidade, a igualdade de oportunidades, a diversidade ou a sustentabilidade ambiental. Cuestións que, segundo sinalou, contribúen a mellorar o clima laboral, favorecer a atracción e retención de talento e reforzar a competitividade e o futuro das organizacións.

O conselleiro reafirmou o compromiso da Xunta co tecido empresarial galego, especialmente coas pemes, para acompañalas no avance cara a formas de facer empresa máis responsables e sostibles. Neste ámbito, puxo en valor o programa Responsabilízate, que está a celebrar a súa quinta edición e do que xa se levan beneficiado máis de 700 empresas galegas. A iniciativa ofrece de forma gratuíta acompañamento e ferramentas para integrar a responsabilidade social na estratexia e na xestión diaria e conta tamén co Selo Responsabilízate, que distingue ás organizacións comprometidas coa responsabilidade social, a boa gobernanza e a sustentabilidade.

González animou ás empresas galegas a sumarse e lembrou que este venres se celebrará un webinar informativo no que se explicarán as características do programa e as vantaxes que ofrece ás empresas participantes.

Así mesmo, lembrou que a Xunta está a traballar na elaboración da nova Estratexia de Benestar Laboral, coa que se pretende seguir avanzando na integración do benestar das persoas traballadoras como unha prioridade das empresas.

Compromiso coa prevención e a saúde laboral

José González tamén situou o benestar laboral como un dos eixos do Plan integral para a mellora da prevención, o benestar laboral e a reincorporación saudable ao traballo en Galicia 2026-2029, acordado no marco do Diálogo Social con UGT-Galicia e a Confederación de Empresarios de Galicia.

O conselleiro destacou que o Plan é froito dun intenso traballo desenvolvido cos axentes sociais para abordar o impacto das baixas laborais en Galicia e que o seu enfoque non busca cuestionar en ningún caso os dereitos lexítimos das persoas traballadoras, senón evitar que estas cheguen a producirse ou evitar prolongacións innecesarias cando se deban a cuestións derivadas da xestión e non a unha xustificación médica dos profesionais sanitarios, posto que o criterio clínico, apuntou, será sempre prevalente.

O Plan atópase actualmente en tramitación administrativa e de dotación orzamentaria, coa previsión de elevalo este mes ao Consello da Xunta para a súa aprobación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/09/2026