A Xunta celebra que estea traballando máis da metade do alumnado da formación AFD no eido sociosanitario impulsada polo concello de Cerdedo Cotobade
A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, tomou parte hoxe na clausura desa formación dirixida a persoas desempregadas e centrada na atención sociosanitaria á dependencia en institucións sociais
Cunha achega autonómica superior aos 52.000 €, destacou que é o segundo ano que se promove a iniciativa debido á elevada inserción laboral das persoas participantes
Todo no marco da convocatoria AFD do Goberno galego, que acadou os 60 M€ na súa orde 2026-2027 tras a ampliación de crédito que sucedeu ao seu redeseño integral
Cerdedo Cotobade (Pontevedra), 17 de setembro de 2026
A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, acompañada polo alcalde de Cerdedo Cotobade, Jorge Cubela, participou hoxe no acto de clausura da acción formativa para persoas desempregadas (AFD) impulsada por este Concello no eido da atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais. Cunha achega autonómica superior aos 52.000 euros, a directora xeral destacou que é o segundo ano que se promove a iniciativa debido á elevada inserción laboral do alumnado. De feito, das 12 persoas participantes nesta edición, sete xa están traballando.
No acto, a directora xeral salientou o impacto da convocatoria AFD 2026-2027, coa que se prevé beneficiar máis de 10.700 persoas. Por ámbitos formativos, destacou especialmente o peso das accións vinculadas á atención sociosanitaria, administración e xestión, docencia, loxística, metal, comercio e hostalaría, en liña cos sectores onde as empresas galegas presentan maiores necesidades de persoal cualificado.
Lado fixo fincapé no redeseño integral desta orde iniciado en 2025 e baseado en tres piares fundamentais: unha oferta flexible e modulable que combina microformacións de grao A —de 30 a 40 horas—, módulos de grao B —de 200 a 300 horas— e graos C completos ou Certificados Profesionais —de 600 a 1.000 horas e con formación dual obrigatoria do 25 %—; o compromiso previo das entidades formativas de contar cun mínimo do 30 % do alumnado antes do inicio das accións e a desestacionalización da oferta mediante convocatorias abertas durante boa parte do ano co fin de responder con maior axilidade ás necesidades reais do mercado laboral.