A Xunta inicia o 28 deste mes a campaña de inmunización fronte á gripe e a covid, que amplía a vacinación nos colexios e a protección reforzada a maiores de 65 anos
O titular de Sanidade avanza que o 13 de outubro comeza a inmunización infantil contra a gripe, desde os 6 meses aos 11 anos e coa vacina intranasal como opción preferente desde os 2 anos
A ampliación a 75 centros da vacinación nos colexios eleva a poboación diana ata os 26.500 alumnos, o que significa ao redor de 7.500 máis que na campaña anterior
Esténdese a vacinación antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos, mentres que na anterior campaña se administraba a partir dos 70 anos
A campaña organízase a través dos centros de saúde, xunto coa vacinación nas residencias e nos domicilios das persoas inmobilizadas
Comezarase a vacinar a partir do día 28 nas residencias de maiores e nos centros de discapacidade e, posteriormente, iranse incorporando os diferentes colectivos de maneira progresiva
O vindeiro luns 21 de setembro, a Xunta inicia a campaña de inmunización infantil fronte ao virus respiratorio sincitial, coa que se protexe ao lactantes
Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, anunciou hoxe que a Xunta iniciará o 28 deste mes a campaña de inmunización fronte á gripe e a covid, que amplía a vacinación nos colexios e a protección reforzada aos maiores de 65 anos.
Xunto coa directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, o titular de Sanidade detallou que a campaña deste ano presenta dúas grandes novidades. Por un lado, amplía a vacinación antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e, por outro, amplía a 75 centros educativos a vacinación nos colexios, 20 máis que o pasado ano, distribuídos polas sete áreas sanitarias e incluíndo contornos urbanos, semiurbanos e rurais.
A ampliación do número de colexios suporá que a poboación infantil á que se dirixe o programa aumentará ata os 26.500 alumnos, o que significa ao redor de 7.500 máis que na campaña anterior.
Ademais destas novidades, o conselleiro dixo que Sanidade manterá a vacinación infantil dos 6 meses aos 11 anos, coa vacina intranasal como opción preferente entre os 2 e os 11 anos, evitando así a picada.
A campaña continuarase a organizar a través dos centros de saúde, xunto coa vacinación nas residencias e nos domicilios das persoas inmobilizadas.
Respecto da ampliación da vacinación antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos, o conselleiro lembrou que o pasado ano esta vacina estendeuse aos maiores de 70 anos, logo de que os resultados do ensaio Galflu, no que participaron preto de 135.000 persoas de 80 anos ou máis, confirmase a súa maior capacidade para reducir as hospitalizacións por gripe.
No que atinxe á poboación infantil, Gómez Caamaño referiu que, o pasado ano, o seu departamento ampliou a vacinación fronte á gripe, que chegaba aos cinco anos, ata os 11. Así mesmo, iniciouse o programa piloto de vacinación nos colexios, facilitando a administración da vacina intranasal directamente nos centros escolares. Esta experiencia permitiu vacinar a 9.668 alumnos en 55 centros, acadando unha cobertura do 51 %.
Datas progresivas e obxectivos
O máximo responsable sanitario dixo que a campaña deste ano comezará, o día 28 e, como é habitual, iniciarase nas residencias de maiores e nos centros de discapacidade para, posteriormente, ir incorporando os diferentes colectivos de maneira progresiva, iniciando o 13 de outubro a vacinación infantil nos centros de saúde e nos colexios participantes no programa piloto.
O vindeiro luns, día 21 de setembro, a Xunta comezará xa a campaña de inmunización infantil fronte ao virus respiratorio sincitial, coa que se protexe ao lactantes fronte a unha das principais causas de infección respiratoria e hospitalización nos primeiros meses de vida.
A vacinación infantil contra a gripe comezará o día 13 de outubro, tamén nos centros de ensino incluídos no programa.
Gómez Caamaño subliñou que a campaña de vacinación fronte á covid e a gripe está dirixida especialmente ás persoas maiores, á cativada, ás embarazadas, aos profesionais sanitarios e ás persoas con condicións de risco. Os obxectivos a acadar son, por un lado, a cobertura de polo menos o 60 % na poboación infantil, nas embarazadas e nos traballadores sanitarios e, por outro, conseguir como mínimo o 75 % de vacinación fronte á gripe nas persoas maiores de 60 ou máis anos.
Taxas superiores á media do Estado
Na rolda de prensa no Edificio Administrativo de San Lázaro, o conselleiro puxo en valor que, na campaña de vacinación do pasado ano, Galicia volveu rexistrar unhas taxas de cobertura superiores á media estatal, tanto fronte á gripe como á covid en practicamente todos os grupos.
Como exemplo, o titular de Sanidade dixo que a cobertura da gripe nos maiores de 65 anos acadou o 72,36 % na nosa comunidade fronte ao 58,47 % da media de España. Entre os maiores de 80 a cobertura galega foi do 81,22 % e a de España do 64,75 %.
Na vacinación fronte á covid dos maiores de 80 anos, Galicia acadou o 67,47 % fronte ao 54,58 da media española, e na vacinación infantil fronte á gripe, no treito entre os 1 e os 5 anos, a cobertura en Galicia foi do 71,09 % fronte ao 52,39 da media estatal.
Para rematar a súa intervención, o conselleiro recoñeceu o traballo da Dirección Xeral de Saúde Pública que coordina este dispositivo, así como dos profesionais sanitarios, especialmente o persoal de enfermería que desenvolve un papel esencial na campaña.
Así mesmo, agradeceu o compromiso da cidadanía galega coa vacinación e lembrou a aposta da Xunta pola prevención cun calendario de vacinación para toda a vida que é o máis completo de España.
Pola súa banda, Carmen Durán avanzou que a Consellería de Sanidade desenvolverá unha campaña de intensificación dos chamamentos para incrementar o alcance da vacinación do persoal sanitario. Ademais, sinalou como outro dos obxectivos de Sanidade incrementar a vacinación da gripe no colectivo das embarazadas.
Incidiu en que a finalidade da vacinación non só é evitar o contraer a enfermidade, senón tamén diminuír o número e a gravidade das complicacións de padecer gripe e covid.
A directora xeral de Saúde Pública explicou que o cronograma da campaña se establece por prioridade de vulnerabilidade e concretou que a citación para vacinarse será por SMS, existindo posteriormente unha repesca que se fará por medio de chamada telefónica.
Para rematar a súa intervención, indicou que, na actualidade a circulación do virus da gripe está en estado basal.