María José Gómez enxalza o traballo do sector queixeiro galego na súa aposta pola calidade e por xerar valor engadido na comunidade
A conselleira do Medio Rural participou hoxe na entrega dos Premios Cincho Awards 2026, no marco da feira Fromago Cheese Experience, que recoñeceron a excelencia de catro queixos galegos
Sinalou que estas dúas iniciativas contribúen á promoción e divulgación deste sector tanto no ámbito nacional como tamén no internacional
A maiores, lembrou que Galicia conta con catro denominacións de orixe protexidas de queixo, cuxas producións teñen un valor económico de preto de 58 millóns de euros anuais
Zamora, 18 de setembro de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, enxalzou hoxe o traballo do sector queixeiro galego na súa aposta pola calidade e por xerar valor engadido na comunidade. Así o trasladou na entrega dos Premios Cincho Cheese Awards 2026, celebrados no marco da feira Fromago Cheese Experience que ten lugar ao longo desta fin de semana en Zamora.
A gala, na que estivo acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, catro queixos galegos foron premiados cos Cinchos de Ouro e Cinchos de Prata pola súa excelente calidade. En concreto, Casa Zolle Pimentón de la Vera, e elaborado por Lácteos de Friol; e Queixaría Fontelas, da mesma queixaría; recibiron Cinchos de Ouro, e Brutaale, elaborado por Daniberto; e Fontelas Vaca Joven, tamén de Queixaría Fontelas; de Prata.
A conselleira salientou que tanto os Premios Cincho Cheese Awards como Fromago Cheese Experience son dúas iniciativas que contribúen á promoción e divulgación do sector queixeiro de ámbito nacional e tamén internacional. Neste sentido, os Cincho Awards contaron con 1.300 mostras participantes, coa representación de 18 países, cun xurado composto por 69 expertos e con 117 galardóns.
Apoio á calidade diferenciada
A titular de Medio Rural lembrou que Galicia conta con catro denominacións de orixe protexidas de queixo, que son Arzúa-Ulloa, Queixo Tetilla, San Simón da Costa e Cebreiro, cuxas producións teñen un valor económico de preto de 58 millóns de euros anuais. Así mesmo, destacou que a DOP Arzúa-Ulloa é a segunda de España polo valor da súa produción, só superada pola DOP Queso Manchego.
Seguindo esta liña, Gómez reafirmou o compromiso do Goberno galego coas producións agroalimentarias de calidade alimentaria con apoios e promoción. Neste senso, puxo en valor o Plan Saborea Galicia Calidade Diferenciada, dotado cun orzamento de 10 millóns de euros, dous máis que no 2025, para promocionar os diferentes indicativos. A conselleira salientou que favorecer a súa comercialización repercute de xeito positivo na actividade do rural galego.
Fromago Cheese Experience
A III edición de Fromago Cheese Experience celébrase ata o vindeiro domingo en Zamora coa presenza de máis de 300 expositores e máis de 1.200 tipos de queixos. A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dispón dun espazo propio que conta cunha aula de cata e unha área de exposición no que se desenvolverá un amplo programa de actividades ao longo das diferentes xornadas.
No espazo celebraranse catas, degustacións, presentacións e maridaxes dos queixos galegos con DOP, pero tamén dos inscritos no selo de Artesanía Alimentaria, así como doutros produtos galegos de calidade diferenciada. En Fromago Cheese Experience están presentes 14 empresas no espazo da Consellería.