Medio Rural incide na importancia da colaboración entre os axentes do lácteo a prol da sustentabilidade, o equilibrio e a estabilidade deste sector
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, participou hoxe no acto institucional con motivo do décimo aniversario do leite de marca propia Eroski, que tivo lugar no Hipermercado Eroski Noia
Balseiros reafirmou o apoio da Xunta a este eido produtivo estratéxico do rural galego e lembrou que grazas a iniciativas como esta Galicia consolídase como líder sectorial indiscutible no ámbito nacional
Noia (A Coruña), 18 de setembro de 2026
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, José Balseiros, incidiu hoxe na importancia da colaboración entre os diferentes axentes da cadea de valor do leite a prol da estabilidade, o equilibrio e a sustentabilidade deste sector. Foi durante a súa participación no acto institucional con motivo do décimo aniversario do leite de marca propia Eroski, que tivo lugar no Hipermercado Eroski Noia.
Así, Balseiros puxo en valor as sinerxías que se dan neste caso concreto entre a distribución (Vegalsa Eroski), a industria (o grupo Leche Celta) e os propios gandeiros, como fornecedores dun produto cen por cento galego e da máxima calidade. Engadiu que esta cooperación é unha boa mostra do que se pode acadar traballando xuntos, nun momento marcado pola redución dos prezos nos contratos e nun contexto agravado polo incremento dos custos de produción.
O director xeral reafirmou o apoio incondicional da Xunta a este eido produtivo estratéxico do rural galego e lembrou que, malia as dificultades, Galicia consolídase como líder indiscutible, no ámbito nacional, tanto na produción de leite como no número de gandeiros.
Un éxito que para Balseiros ten moito que ver con iniciativas como esta alianza empresarial entre Eroski e Leche Celta, que cumpre xa o décimo aniversario desde a súa posta en marcha. Precisamente, e para reforzar o compromiso cos gandeiros, antes deste acto no centro comercial realizouse unha visita a unha das explotacións de vacún de leite das que provén o produto, situada no concello coruñés de Lousame.