Lorenzana anuncia que a vindeira semana comezarán en Sada as obras do novo Centro de Desenvolvemento Tecnolóxico de Applus en Galicia
A conselleira destaca que o proxecto contará cun investimento de 6,5 M€ e é o único centro destas características que ten a multinacional en todo o mundo
Resalta que permitirá innovar en materia de seguridade viaria e tamén no ámbito do vehículo eléctrico e a nova mobilidade
Sada (A Coruña), 19 de setembro de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe en Sada que o vindeiro martes 22 de setembro comezarán as obras do novo Centro de Desenvolvemento Tecnolóxico de Applus neste concello coruñés, segundo prevé a empresa, que ten a concesión para a xestión das ITV en Galicia.
Nunha visita á parcela onde se vai instalar, Lorenzana subliñou que o proxecto, que contará cun investimento duns 6,5 millóns de euros, é o único centro destas características que ten a multinacional en todo o mundo. “Non só vai servir para mellorar a seguridade viaria -dixo-, senón, tamén, desde o punto de vista da industria da automoción, que é un sector estratéxico dentro da comunidade autónoma”.
“É un centro que vai permitir innovar na nova mobilidade, no vehículo eléctrico, autónomo, polo tanto creo que é unha excelente noticia para Galicia, nomeadamente, cando é o único centro destas características que ten Applus en todo o mundo”, subliñou, para enmarcar tamén o proxecto na aposta da Xunta polo desenvolvemento do solo industrial.
Algunhas das actividades que se realizarán nel son a de laboratorio de datos, coa creación dun centro de excelencia ca axuda de ferramentas de IA para ofrecer novos servizos ao sector; estudos de seguridade no vehículo eléctrico e análise do estado das baterías; vehículos de mobilidade persoal; análises avanzados de emisións de gases e partículas; ou a validación electrónica e compatibilidade electromagnética.
Finalmente, a conselleira de Economía e Industria agradeceu a aposta que está a facer a empresa por Galicia xa que este Centro de Desenvolvemento Tecnolóxico aglutinará toda a experiencia que se recompila nas estacións de inspección que ten Applus en todo o mundo.