A Xunta e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial analizan proxectos para o Xacobeo 2027
Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2026
O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, mantivo un encontro de traballo coa nova directora da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Galicia-Norte de Portugal, Aldara Vázquez, co obxectivo de analizar diversas liñas de colaboración con vistas á celebración do vindeiro Xacobeo 2027. Durante a xuntanza, ambos responsables puxeron sobre a mesa a importancia de coordinar esforzos institucionais para potenciar este acontecemento dende unha perspectiva transfronteiriza, aproveitando o impacto cultural e económico que o Xacobeo representa para a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
Precisamente, no marco desta cooperación, fixeron fincapé no Camiño Portugués, que une os dous territorios como eixos vertebradores de cohesión social e dinamización turística. A reunión serviu para estudar proxectos conxuntos que poñan en valor este patrimonio compartido, impulsando unha ruta xacobea que reforza os lazos de irmandade e o intercambio de visitantes entre os dous lados da fronteira de cara ao 2027. O Camiño Portugués xa foi percorrido no que vai de ano por case 90.000 peregrinos, mentres que outras 84.000 persoas optaron polo Portugués da Costa.