O presidente do Executivo galego respondeu no Pleno do Parlamento de Galicia as preguntas dos grupos parlamentarios
Rueda anuncia que o vindeiro martes a Xunta entregará 24 vivendas no barrio de Lamas de Abade, en Santiago de Compostela
Afirma que o problema da vivenda é a primeira preocupación dos galegos e galegas e que a Xunta busca solucionalo con “máis axilidade, menos burocracia e máis eficacia”
Destaca que o Goberno galego está a traballar para cumprir co compromiso de duplicar o parque público de vivenda de 4.000 a 8.000 antes de que remate 2028, co horizonte de chegar a 10.000 no ano 2030
Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o vindeiro martes a Xunta entregará 24 novas vivendas públicas no barrio de Lamas de Abade, en Santiago de Compostela.
Durante a sesión de control no Pleno do Parlamento de Galicia en resposta ás preguntas dos grupos parlamentarios, o titular do Goberno galego afirmou que o problema da vivenda “é a primeira preocupación dos galegos” e que a Xunta busca solucionalo con “máis axilidade, menos burocracia e máis eficacia”.
Neste sentido, o presidente destacou que a Xunta está traballando para cumprir co compromiso de duplicar o parque público de vivenda de 4.000 a 8.000 antes de que remate 2028, co horizonte de chegar a 10.000 no ano 2030. 4.000 vivendas en catro anos que “xa están todas en marcha”.
Na súa intervención, Rueda tamén lembrou outras medidas postas en marcha polo Goberno autonómico para tratar de mellorar a situación da vivenda na nosa comunidade, como desenvolver chan para vivenda protexida, crear Proxectos de Interese Autonómico residenciais, ampliar ata os 45 anos a idade máxima para beneficiarse dos avais para mercar a primeira vivenda, baixar a fiscalidade “para beneficiar á xente que máis o precisa”, converter os baixos baleiros das cidades “en vivendas habitables” ou traballar no plan Fogar Vivo, para reformar e sacar ao mercado vivendas baleiras.