O curso celébrase hoxe e os vindeiros días 9 e 16 de outubro en Santiago de Compostela

A Xunta forma a persoal investigador en transferencia do coñecemento para maximizar o impacto da I+G+i

Este curso enmárcase no programa Ignicia Transferencia de Coñecemento, que leva unha década formando a profesionais para que a ciencia chegue á sociedade

A formación gratuíta da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vai dirixida a persoal investigador de centros de coñecemento galegos e a xestores da I+D+i

Galicia é a comunidade autónoma que conta con máis profesionais da transferencia acreditados co recoñecemento internacional Registered Technology Transfer Professionals (RTTP)

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2026

A Xunta ofrece formación a investigadores de centros de coñecemento galegos e a xestores da I+D+i para impulsar a conexión entre ciencia e sociedade. A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, deu a benvida esta mañá á sétima edición do curso Transferencia de coñecemento e interacción co Sistema de I+D+i no marco do programa Ignicia Transferencia de Coñecemento. O obxectivo da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP é formar ao persoal investigador dos centros de coñecemento galegos en aspectos relacionados coa colaboración e o financiamento da I+D+i, a valorización do coñecemento e a comercialización dos resultados da investigación para impulsar o desenvolvemento profesional deste persoal e a transferencia do coñecemento á sociedade.

Cotelo subliñou a importancia de transferir os resultados da investigación ao público para maximizar o impacto da investigación de excelencia que se fai en Galicia, a I+G+i, contribuíndo así a dar resposta a retos sociais, xerar emprego cualificado e novas oportunidades de desenvolvemento económico e social. Ademais, apuntou que excelencia científica e transferencia de coñecemento non están reñidas, senón que se reforzan mutuamente: a investigación excelente ten un enorme potencial para xerar valor e a valorización dese coñecemento é a vía para converter ese potencial en resultados tanxibles.

Precisamente, impulsar a transferencia de coñecemento en Galicia é o obxectivo do programa Ignicia, no que se inscribe este curso dirixido a persoal investigador. Entre os asistentes cóntase cunha vintena de persoal investigador posdoutoral e contratado con cargo a proxectos de universidades e organismos públicos de investigación, así como persoas investigadoras e tecnólogas dos centros tecnolóxicos.

Ao longo das tres sesións, que se celebran hoxe e os vindeiros días 9 e 16 de outubro, proporcionaranse os fundamentos para comprender o proceso de transferencia, o funcionamento do sistema galego de innovación e os instrumentos para favorecer unha aproximación a este sistema e facilitar a conexión entre o ámbito científico e o tecido socioeconómico e produtivo. Cunha duración total de 15,5 horas, esta formación gratuíta busca incentivar a participación da comunidade investigadora en actividades de intercambio de coñecemento.

Este curso é unha das actividades do programa Ignicia Transferencia de Coñecemento, unha iniciativa que leva xa dez anos apoiando a formación e a profesionalización de perfís para contribuír a que a investigación teña un maior impacto. Actualmente, este programa está a acompañar doce tecnoloxías protexidas con patentes para axudalas a deseñar o seu camiño cara ao mercado como parte práctica dunha das actividades formativas. A este curso asisten tamén xestores da I+D+i, que en outubro poderán asistir á formación específica dirixida a profesionais da transferencia para obter a acreditación internacional Registered Technology Transfer Professionals (RTTP). Galicia é a comunidade autónoma con máis profesionais acreditados: 29 dos 61 rexistrados no ámbito estatal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/10/2026