A Xunta prevé que a economía galega medre catro décimas máis do previsto hai un ano, cando se elaboraron os orzamentos vixentes
A estimación inicial de crecemento do 1,9 % do PIB para o 2026 revisouse á alza en xullo ata o 2,1 % e agora o IGE actualizado de novo ata o 2,3 %
Santiago de Compostela, 09 de outubro de 2026
A economía galega medrará catro décimas máis do previsto hai un ano, cando se elaboraron os orzamentos vixentes. Así se desprende do Informe sobre as previsións macroeconómicas que se incluirán nos orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2027, elaborado polo Instituto Galego de Estatística (IGE) e que hoxe foi avalado pola AIReF.
Deste xeito, segundo constata o documento, Galicia medrará máis do previsto para este ano. Non en van, se en xullo, cando se aprobou o teito de gasto non financeiro, a Comunidade xa mellorou a previsión de crecemento que estaba nos orzamentos para este ano en dúas décimas, pasando do 1,9 % ao 2,1 %, agora volve a facelo, mellorando noutras dúas décimas (ata o 2,3 %) a previsión para o peche de 2026.
Estes datos poñen de manifesto unha vez máis a prudencia e o criterio realista do Goberno galego á hora de elaborar os orzamentos da Comunidade, así como o crecemento solvente da economía galega que, en termos acumulados, está por riba da media da evolución nacional desde o ano 2020.