A Xunta apoia con máis de 2,3 M€ a 31 concellos e 10 asociacións para potenciar as súas prazas de abastos como mercados excelentes

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución destas achegas orientadas a ampliar a rede de mercados recoñecidos con este distintivo de calidade

Os apoios, cunha intensidade do 80 %, inclúen medidas de mantemento e mellora dos mercados que xa teñen o selo, actuacións de diagnose, formación e rehabilitación para os que aspiran a obtelo, así como iniciativas de dinamización e fidelización

No marco das axudas a concellos, resultaron beneficiarios 16 da provincia de Pontevedra, 11 da Coruña, 3 en Lugo e 1 en Ourense e, no caso ás asociacións de prazas de abastos 8 corresponden á provincia de Pontevedra, 1 á Coruña e 1 a Ourense

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2026

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da convocatoria da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración orientada a dinamizar e potenciar as prazas de abastos de Galicia e impulsar a súa certificación como Mercados Excelentes. Un total de 31 concellos galegos e 10 asociacións de prazas de abastos beneficiaranse das axudas, cun valor de máis de 2,3 M€ para distribuír entre as anualidades 2026 e 2027.

Con estes apoios, que contan cunha intensidade do 80 % das actuacións subvencionables, a Xunta promove, por unha banda, iniciativas dirixidas ao mantemento e mellora das prazas de abastos galegas que xa dispoñen do selo Mercado Excelente e, pola outra, medidas de diagnose, formación ou rehabilitación para aquelas que desexen solicitar este distintivo, ademais de actuacións de dinamización e fidelización.

No caso dos municipios, o valor total das achegas concedidas ascende aos 2,2 M€. Resultaron beneficiarios 16 da provincia de Pontevedra, 11 da provincia da Coruña, 3 de Lugo e 1 de Ourense. Aqueles con prazas de abastos que non sexan Mercado Excelente poderán sufragar actuacións previas para acadar o selo, como a preparación ou actualización da diagnose da situación e usos do mercado, a formación das praceiras e praceiros ou a elaboración da documentación técnica. Neste caso, son 27 os municipios beneficiarios.

Os que xa contan co selo poden recibir apoio para actuacións de acondicionamento, mellora dos servizos para a clientela ou formación, entre outras. Neste apartado resultaron beneficiarios catro concellos con mercados que xa teñen este distintivo.

Para as asociacións de prazas de abastos, o valor total das axudas é de 104.490 €, destinados a actuacións de dinamización comercial, fidelización da clientela e mantemento das súas páxinas web, entre outras. Das 10 entidades beneficiarias, 8 corresponden á provincia de Pontevedra, 1 á Coruña e 1 a Ourense.

Data de actualización: 13/10/2026