O presidente autonómico visita dúas promocións en construción neste barrio vigués

Rueda destaca a aposta da Xunta por ampliar a oferta de vivenda pública en Vigo con preto dun millar de pisos en marcha en San Paio de Navia

Salienta que a cidade olívica “é na que estamos a construír máis vivenda pública agora mesmo” e que neste barrio están previstos 1.600 fogares públicos e protexidos

O Goberno galego avanza no compromiso marcado ata 2028 ao ter en marcha 4.670 inmobles, dos que máis de 1.800 xa están en obras

Ademais, a Xunta ten en marcha dous Proxectos de Interese Autonómico (PIA) que posibilitarán a construción doutros 3.400 pisos na cidade olívica, a maioría protexidos, nas zonas do Ofimático e de Ramón Nieto

Vigo, 14 de outubro de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que Vigo é a cidade galega na que a Xunta está a construír máis vivenda pública, con preto dun millar de pisos xa en marcha en San Paio de Navia, cun importe de licitación que ascende a 260 millóns de euros para “atender a un dos principais problemas como é a falta de vivenda e a necesidade de construír máis fogares e de calidade”, sinalou.

Durante unha visita ás obras de dúas promocións que sumarán 84 vivendas de titularidade pública neste barrio e que, segundo explicou, “estarán listas nos primeiros meses do vindeiro ano”, Rueda lembrou o compromiso da Xunta de duplicar o parque público residencial ata 2028 ata chegar aos 8.000 inmobles. Isto implicaba a posta en marcha de 4.000 novas vivendas públicas, unha cifra que xa se superou.

En concreto, a Xunta ten 4.670 vivendas públicas en marcha, das que 2.100 foron licitadas nos primeiros nove meses deste ano e outras 1.860 xa están en construción. No que respecta ao barrio de San Paio de Navia, “está prevista a construción de 1.600 vivendas públicas e protexidas, das cales 927 xa están en marcha”, indicou Rueda, ao tempo que sinalou que Vigo “é a cidade na que estamos a construír máis vivenda pública agora mesmo”.

A este respecto, puxo en valor a aposta da Xunta por construír nesta urbe, sinalando que nos orzamentos para 2027, o Goberno autonómico prevé reservar 96 millóns a políticas de vivenda en Vigo, o que supón o maior investimento nunha cidade galega, “para facer fronte aos compromisos que temos, o que xa se está construíndo, e o que queremos seguir facendo”, indicou.

Ademais, quixo agradecer a todo o sector da construción en Galicia por “facer posible este reto enorme, nun momento ademais tan difícil con respecto á man de obra, subministracións e tempos de construción”, asegurou.

Colaboración entre administracións

Ademais, explicou que a Xunta ten en marcha dous Proxectos de Interese Autonómico (PIA) para construír outras 3.400 vivendas aproximadamente, a gran maioría protexidas, na cidade. En concreto, na zona do Ofimático e de Ramón Nieto.

Por último, Rueda salientou a importancia de “dar seguridade xurídica aos propietarios” e tamén de que as administracións colaboren nunha materia tan importante como a vivenda. Nesta liña, salientou a nova liña de axudas, dotada de 7 millóns de euros, “para que os concellos tamén se animen a facer vivenda pública, de promoción directa, con axudas da Xunta por cada vivenda”, indicou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/10/2026