Belén do Campo destaca o investimento de máis de 470.000 € no obradoiro de emprego de Trazo, Oroso, Tordoia e Cerceda no que se formará a 20 persoas desempregadas
A delegada da Xunta informou que iniciativa que permitirá formar durante nove meses aos alumnos nas especialidades de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería
Trazo (A Coruña), 15 de outubro de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto á alcaldesa de Trazo, Josefina Suárez, e os alcaldes de Oroso, Alex Doval, Tordoia, Antonio Pereiro e a concelleira de Cerceda, Mª Carmen Martínez, participaron na inauguración do obradoiro de emprego Terras de Lenguelle II organizado por estes catro concellos unha iniciativa que permitirá formar durante nove meses a 20 persoas desempregadas nas especialidades de: actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería. O programa conta cun investimento autonómico de máis de 470.000 euros dos cales 13.500 son para 3 incentivos que consisten en 3.000 euros para as empresas por persoa contratada e outros 1.500 para o concello por cada inserción alcanzada.
A representante da Xunta na Coruña destacou que o alumnado desenvolverá durante os próximos 9 meses un total de 35 actuacións de mantemento, conservación, limpeza, roza, plantación e reforestación en espazos públicos dos concellos participantes.
Os traballos previstos permitirán mellorar e acondicionar parques, xardíns, áreas recreativas, zonas deportivas, contornas de centros educativos e outros espazos de uso veciñal, contribuíndo á conservación do patrimonio natural e á posta en valor das infraestruturas municipais.
Actuacións
No concello de Trazo, as actuacións abranguerán a área de lecer de Viaño Grande, a área de lecer de Castelo, o xardín da casa consistorial de Trazo, a área de lecer de Chaián e a carballeira de Chaián, onde se realizarán labores de mantemento e conservación.
Os traballos estenderanse tamén ao entorno da escola de Berreo, ao entorno do local social de Berreo, onde se prevén labores de mantemento e plantación, e ao entorno da área de lecer de Berreo. Así mesmo, intervirase no entorno da piscina municipal, na carballeira de Benza, na praza do centro médico, na área de lecer de Oa e na área da Castiñeira.
Por último, en Trazo tamén se realizarán labores de mantemento e conservación no entorno do cruceiro de Santa María de Morlán.
No concello de Oroso, as actuacións centraranse no mantemento dos parques das escolas unitarias de Deixebre, Senra, Vilacide e Trasmonte, así como no parque do Carboeiro, na área recreativa de Penateixa e na área polideportiva de Porto Avieira.
No concello de Tordoia, levaranse a cabo labores de mantemento e conservación na área recreativa da Folgueira, así como traballos de roza, limpeza e reforestación na Braña da Fonte. As intervencións incluirán tamén o mantemento da escola de Belvís, traballos de roza, limpeza e plantación na Chousa Vella, e actuacións no antigo campo de fútbol de Viladabade e no antigo campo de fútbol de Gorgullos, neste último caso con labores de mantemento e reforestación.
Finalmente, no concello de Cerceda, os traballos desenvolveranse no xardín botánico, no Paseo Fluvial do Acebedo I e na área recreativa da Silva.
A delegada sinalou que este programa representa un exemplo de como a formación pode ir da man da mellora do territorio, xa que os participantes contribúen coa súa actividade á conservación e acondicionamento de espazos públicos de gran utilidade para a veciñanza.
Obradoiros 26-27
A representante autonómica puxo en valor a aposta do Goberno galego polos obradoiros de emprego, unha liña de actuación que permitirá este ano desenvolver preto dun cento de programas en toda Galicia, cun investimento de 48,1 millóns de euros para formar a arredor de 2.000 persoas sen emprego.
Na provincia da Coruña están aprobados 27 obradoiros de emprego, cun investimento superior aos 13 millóns de euros e dos que se benefician preto de 540 alumnos e alumnas.
Na comarca de Ordes hai 3 obradoiros concedidos, ademais de Trazo-Oroso- Tordoia e Cerceda, contan tamén con estes talleres de formación a Mancomunidade de Ordes e o Concello de Ordes compartido con Frades e Mesía cun investimento total de máis de 1,4 millóns de euros.
Neste senso a delegada puxo o acento nas vantaxes da formación dual, un modelo que ofrece aos alumnos-traballadores a posibilidade de formarse mentres desenvolven unha actividade remunerada e obteñen unha certificación profesional recoñecida en todo o Estado. Tamén resaltou que o número reducido de participantes favorece un seguimento máis próximo e unha aprendizaxe adaptada ás necesidades de cada persoa.
A representante autonómica agradeceu a colaboración do alumnado, do equipo docente e dos concellos implicados, cuxo traballo coordinado resulta fundamental para impulsar actuacións que respondan ás demandas específicas de cada municipio. Así mesmo, lembrou que os concellos teñen un papel esencial na identificación das necesidades do territorio e na planificación de proxectos que repercuten directamente no benestar da cidadanía.
Para rematar, animou aos participantes a afrontar esta etapa con dedicación e entusiasmo, aproveitando todos os recursos que lles ofrece o programa. Segundo indicou, este tipo de iniciativas constitúen unha ferramenta clave para mellorar as posibilidades de acceso ao emprego e abrir novas perspectivas de futuro profesional.