O conselleiro de Sanidade e o presidente do Parlamento de Galicia inauguraron o acto de presentación do Plan Estratéxico de Saúde Mental de Galicia 2026-2030 a profesionais sanitarios e entidades sociais

Gómez Caamaño avanza que o reforzo da atención á saúde mental da mocidade incluirá a prestación de servizos de hospitalización a domicilio

Sinala que tamén está previsto ampliar progresivamente a atención infanto-xuvenil ata os 18 anos e contar con equipos multidisciplinares de intervención temperá nas sete áreas sanitarias

Marca como obxectivo levar o programa YAM, de prevención da conduta suicida na adolescencia, ata polo menos o 80 % dos centros educativos ata 2030

Apunta que o proxecto de Orzamentos da Xunta, aprobado hoxe, garante os próximos investimentos do Plan Estratéxico de Saúde Mental, dotado cun total 177 M€

Está previsto crear novas unidades de hospitalización na Coruña, Ferrol e Ourense, actuar nos hospitais de día de Lugo e Pontevedra e reforzar os recursos de Vigo

Destaca a participación fundamental de profesionais sanitarios e entidades sociais na elaboración do plan e tamén o seu papel para desenvolvelo

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou que o reforzo na atención á saúde mental da xuventude que impulsa a Xunta vai incluír a prestación de servizos de hospitalización a domicilio.

Así o trasladou o conselleiro de Sanidade durante a inauguración do acto de presentación aos profesionais sanitarios e entidades sociais do Plan Estratéxico de Saúde Mental de Galicia 2026-2030, no que tamén participou o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, e no que estiveron acompañados polo director xeral de Integración e Innovación Asistencial do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva.

Gómez Caamaño referiuse á resposta do Goberno galego á preocupación pola saúde mental da mocidade, cada vez máis presente nas familias, nos centros educativos e nas consultas. Esa resposta combina a prevención, a detección temperá e unha atención especializada nos casos que o precisan.

Así, a Consellería de Sanidade ten previsto prestar servizos de hospitalización a domicilio en saúde mental infanto-xuvenil, como alternativa terapéutica flexible á hospitalización convencional e centrada na contorna familiar.

Tal e como indicou o conselleiro de Sanidade, o Plan que hoxe se presentou a profesionais sanitarios e entidades sociais permitirá ampliar a resposta ás necesidades en saúde mental da xente nova. Está previsto tamén estender progresivamente a atención infanto-xuvenil máis aló da idade pediátrica, chegando ata os 18 anos, e contar con equipos multidisciplinares de intervención temperá nas sete áreas sanitarias.

No ámbito da adolescencia, Gómez Caamaño sinalou a relevancia da prevención da conduta suicida a través do programa YAM, no que xa participaron 16.500 escolares galegos de arredor de 170 centros. O obxectivo marcado polo conselleiro é chegar polo menos ao 80 % dos centros educativos ao remate do plan.

Ademais, fixo referencia ao convenio que o Servizo Galego de Saúde mantén coas tres universidades galegas para ofrecer apoio psicolóxico ao alumnado universitario.

Plan de 177 M€

O conselleiro de Sanidade subliñou que o Plan Estratéxico de Saúde Mental de Galicia 2026-2030, dotado de 177 millóns de euros, contempla un investimento de 52,7 millóns para a incorporación de 357 profesionais, 49,6 millóns para a atención ás adiccións, 27,5 millóns para recursos residenciais e 12 millóns para obras e equipamentos, entre outros.

Gómez Caamaño remarcou que hoxe mesmo o Consello da Xunta aprobou o proxecto de Orzamentos para 2027, o que significa que o Plan conta co respaldo máis importante para poder transformarse en realidade e abordar necesidades moi diferentes: desde as persoas con trastorno mental grave ata quen precisa apoio psicolóxico na atención primaria, as persoas maiores ou os pacientes que necesitan atención especializada.

Entre outras actuacións, está previsto crear novas unidades de hospitalización na Coruña, Ferrol e Ourense, actuacións nos hospitais de día de Lugo e Pontevedra e o reforzo dos recursos especializados en Vigo.

Para o desenvolvemento de todas as medidas do Plan aprobado polo Goberno galego, o conselleiro de Sanidade resaltou o papel fundamental que tiveron, que teñen e que terán os profesionais da sanidade pública e as entidades sociais que se implicaron previamente no seu deseño.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/10/2026