A Xunta achega 577.300 euros para impulsar os mercados e prazas de abastos de Lugo, Ribadeo e Viveiro
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración publicou no DOG a resolución da orde de axudas deste ano para dinamizar estes espazos comerciais
Lugo, 16 de outubro de 2026
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración publicou no DOG a resolución da orde de axudas deste ano para potenciar as prazas de abastos e mercados municipais.
Os concellos de Lugo, Viveiro e Ribadeo suman 577.300 euros a través desta convocatoria, destinada a financiar proxectos de mellora e dinamización destes espazos comerciais.
O delegado territorial da Xunta, Alfonso Villares, visitou hoxe a praza de abastos da capital lucense, onde percorreu diferentes postos de venda para coñecer como é o día a día dos comerciantes e praceiros que desenvolven alí a súa actividade.
Este recinto verá mellorado o acceso pola rúa Tuñas Bouzón logo da actuación que está a desenvolver o Concello cunha achega autonómica de 97.600 euros.
No caso de Viveiro, a resolución publicada no DOG contempla a concesión de 320.000 euros en dúas anualidades para acometer obras de reforma do mercado municipal; e en Ribadeo a contía é de 159.700 euros.
Villares subliñou o papel que xogan as prazas e mercados de abastos para dinamizar comercialmente os centros das cidades e vilas, ademais de ser referentes na venda de alimentos de proximidade e produtos de calidade diferenciada.