A Xunta destaca o papel do emprego como ferramenta de recuperación e inclusión social das persoas con trastorno mental grave

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou hoxe nas XV Xornadas Técnicas de RED ISEM, centradas na soidade, a saúde mental e as redes de apoio comunitario

Alí puxo en valor os convenios autonómicos de colaboración con Saúde Mental FEAFES Galicia e LAR Pro Saúde Mental, que permitirán desenvolver itinerarios personalizados de inserción laboral para máis dun cento de persoas

Os programas inclúen formación adaptada e acompañamento individualizado para favorecer a súa incorporación e adaptación ao posto de traballo

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 22 de outubro de 2026

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou hoxe nas XV Xornadas Técnicas de RED ISEM: soidade e saúde mental, redes que acompañan, organizadas en colaboración coa Fundación LAR Pro Saúde Mental. O encontro, no que tamén interveu a subdirectora xeral de Atención á Saúde Mental do Servizo Galego de Saúde, Almudena Díaz, reúne profesionais, entidades, representantes institucionais e persoas con experiencia propia para reflexionar sobre a prevención do illamento social e a importancia das redes de apoio comunitario ao longo da vida das persoas con trastorno mental grave.

Durante a súa intervención, Lado destacou a importancia do emprego como ferramenta para favorecer a recuperación, a autonomía persoal e a inclusión social das persoas con trastorno mental grave ou en risco de desenvolvelo. Neste sentido, puxo en valor os convenios de colaboración impulsados polas consellerías de Emprego, Comercio e Emigración e de Sanidade con Saúde Mental FEAFES Galicia e LAR Pro Saúde Mental, que permitirán desenvolver itinerarios personalizados de inserción laboral para máis dun cento de persoas.

A directora xeral salientou que esta iniciativa ofrece un acompañamento integral, desde a preparación para o emprego ata a incorporación e adaptación ao posto de traballo, co obxectivo de facilitar tanto o acceso ao mercado laboral como a permanencia nel. Así mesmo, incidiu na importancia da colaboración entre as administracións públicas e as entidades especializadas para dar resposta ás necesidades específicas deste colectivo e avanzar cara a un mercado laboral máis inclusivo.

Esta actuación enmárcase no compromiso da Xunta coa inclusión sociolaboral dos colectivos máis vulnerables mediante medidas que favorezan a igualdade de oportunidades e contribúan a mellorar a autonomía persoal e a calidade de vida das persoas participantes.

Data de actualización: 22/10/2026