A Xunta anima na comarca de Vigo a apostar polo emprendemento social e recoñece o labor de persoas traballadoras autónomas e microempresas
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Vázquez Guzmán, participou hoxe en Nigrán no peche da xornada ‘Da túa idea ao teu negocio: emprender no ámbito da discapacidade e do coidado a través da economía social’
Pola tarde, tomará parte en Mos na 16ª Gala dos Premios Ronsel, impulsados pola fundación homónima coa que a Xunta vén colaborando en materia de emprendemento
Nigrán (Pontevedra), 22 de outubro de 2026
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Vázquez Guzmán, participou hoxe en Nigrán no peche da xornada Da túa idea ao teu negocio: emprender no ámbito da discapacidade e do coidado a través da economía social, promovida pola asociación empresarial da discapacidade In-Red Galicia. No acto apoiado no marco da Rede Eusumo, puxo en valor a economía social como fórmula dinamizadora do territorio e o emprendemento nos ámbitos da discapacidade e dos coidados como unha oportunidade para xerar actividade económica e emprego, ao tempo que se dá pulo á autonomía persoal, á igualdade de oportunidades e á participación activa das persoas con discapacidade.
Nese senso, a directora xeral celebrou que o acto estivese dirixido a persoas emprendedoras ou con ideas de negocio, a persoas con discapacidade e aos seus familiares, así como a calquera interesado en desenvolver proxectos vinculados ao ámbito social e dos coidados. Nesa liña, o programa incluíu relatorios sobre o emprendemento social e exemplos reais de distintas empresas. Tamén un obradoiro práctico centrado nos recursos e ferramentas necesarias para poñer en marcha novos proxectos.
Premios Ronsel
Pola tarde, Marta Vázquez Guzmán participará tamén en Mos na 16ª Gala dos Premios Ronsel, na que se recoñecerá un ano máis a importancia das persoas traballadoras autónomas e das microempresas na economía de Galicia.
O acto está promovido pola Fundación Ronsel, coa que a Xunta de Galicia vén colaborando no eido do emprendemento, tanto no referido á Rede de polos que ofrece asesoramento gratuíto e personalizado como impulsando diferentes iniciativas de acompañamento a prol do traballo por conta propia. Entre elas, os programas de mentoría Galicia Camiño Emprendedor ou Merlo, este último dirixido ás galegas e galegos retornados que deciden apostar pola creación de empresas á hora de establecerse de volta na súa terra.