Rueda anuncia 3,6 M€ para apoiar a 4.500 agricultores e gandeiros ante os sobrecustos dos fertilizantes e do gasóleo pola crise de oriente próximo

O Goberno autonómico aprobou hoxe a medida, xusto despois de que a semana pasada se aprobara o reparto nacional dos fondos europeos por comunidades

Salienta que aos 1,6 M € achegados pola UE a Galicia, a Xunta achega outros 2 M€ de fondos propios

Resalta que as axudas oscilarán entre “os 100 e os 6.000 €” e que se ingresarán antes de que remate o ano

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno autonómico, a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), vai destinar “3,6 millóns de euros a unha liña de axudas de emerxencia para paliar os efectos do conflito de Oriente Próximo nas explotacións agrogandeiras galegas”. En concreto, para axudalos a afrontar sobrecustos dos fertilizantes e o gasóleo.

Estas achegas directas activaranse canto máis axiña sexa posible, unha vez que Conferencia Sectorial de Agricultura y Desarrollo Rural aprobou o pasado día 21 de outubro a repartición de fondos entre comunidades autónomas. Consonte esta distribución, a Galicia asignóuselle un total de 1,6 millóns de euros, que a Xunta complementa con outros 2 millóns de fondos propios co obxectivo, segundo resaltou Rueda, de “chegar a 4.500 agricultores e gandeiros galegos”.

As axudas tramitaranse coa maior celeridade administrativa posible para que as explotacións poidan afrontar a tensión económica derivada desta situación excepcional. Así, unha vez aprobada a medida polo Consello da Xunta, publicarase de inmediato a correspondente resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG), e a continuación os agricultores e agricultoras poderán aceptar ou rexeitar a axuda a través dun formulario na sede electrónica da Xunta de Galicia. A previsión é que os beneficiarios teñan ingresada a axuda antes de que remate o ano. Así pois, a medida terá carácter horizontal e aplicarase aos distintos sectores agrícolas e gandeiros, sen establecer exclusións ou prioridades en función da orientación produtiva, sempre que se cumpran as sinxelas condicións establecidas.

Estes requisitos resúmense en estar de alta no réxime especial de traballadores autónomos (RETA) ou no sistema especial para traballadores por conta propia agrarios (SETA), na rama de actividade agraria, así como na obtención de polo menos o 25 % dos seus ingresos da actividade agraria e mais na presentación da solicitude única da campaña da PAC 2026. Con estas condicións, estímase que se poderán beneficiar destas axudas arredor de 4.500 persoas agricultoras.

As axudas determinaranse de acordo con criterios obxectivos relacionados coa superficie agraria de secaño ou regadío, excluídos os pastos, e o Fogga realizará un plan de controis para comprobar os sobrecustos reais e a correcta aplicación da metodoloxía de cálculo, que foi establecida polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Tal e como explicou Rueda, os importes das axudas oscilarán entre un mínimo “de 100 e un máximo de 6.010 euros” por beneficiario.

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/10/2026