Medio Rural publica no DOG a declaración do Proxecto de Interese Autonómico da ampliación de Bodegas Martín Códax

A iniciativa conseguiu esta consideración pola influencia das actividades da empresa no sector vitivinícola, de especial relevancia para o rural galego, consolidándose como un modelo de desenvolvemento económico

As actuacións previstas inclúen a adecuación e ampliación das instalacións produtivas e loxísticas, así como a creación de novas instalacións para empregados e para o desenvolvemento de iniciativas enoturísticas e culturais

O proxecto conta cun investimento de 18,6 millóns de euros e permitirá crear unha vintena de novos empregos, así como incrementar a capacidade produtiva desta cooperativa

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2026

A Consellería de Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se declara como proxecto de interese autonómico (PIA) a ampliación de Bodegas Martín Códax, no concello de Cambados, aprobada pola relevancia da empresa no sector produtivo vitivinícola, un sector estratéxico para o rural de Galicia.

Deste xeito, as actuacións previstas transcenden o ámbito municipal, pois a actividade da empresa distribúese ao longo de 12 concellos da provincia de Pontevedra na subzona do Val do Salnés.

En concreto, Bodegas Martín Códax propón unha actuación que abrangue unha superficie de 47.000 metros cadrados destinada á adecuación e ampliación das instalacións produtivas e loxísticas, como o aumento da capacidade de almacenamento e a creación dunha plataforma de distribución loxística, así como habilitar outras superficies para novas instalacións complementarias destinadas a oficinas e espazos comúns para os empregados e para o desenvolvemento de iniciativas enoturísticas e culturais.

O proxecto conta cun investimento de 18,6 millóns de euros e permitirá crear unha vintena de novos empregos, así como incrementar a capacidade produtiva desta cooperativa, a cal ten unha importante relevancia dentro da produción de viños amparados por denominacións de orixe, especialmente na Rías Baixas.

Ligazón á resolución:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20261026/AnuncioG0426-161026-0005_gl.html

Data de actualización: 26/10/2026