María José Gómez presenta o modelo galego de apoio ao sector agrario ante representantes da Comisión Nacional de Fomento Rural de Uruguai
A conselleira do Medio Rural mantivo un encontro centrado na viabilidade das explotacións familiares, o relevo xeracional, o cooperativismo e a valorización dos produtos locais de calidade diferenciada
Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, mantivo hoxe unha reunión con membros representantes da Comisión Nacional de Fomento Rural (CNFR) de Uruguai, na que presentou o modelo galego de apoio ao sector agrario.
A CNFR é unha organización que representa e apoia a agricultura familiar e as organizacións rurais do país, traballando para mellorar as condicións de vida e a viabilidade económica das explotacións familiares, promovendo o cooperativismo, a participación democrática, a igualdade de oportunidades e a sustentabilidade da produción.
Neste contexto, o encontro presentouse como unha oportunidade para dar a coñecer o modelo galego de apoio ao sector agrario e dar conta das políticas públicas que contribúen á viabilidade das explotacións familiares. Así, a reunión centrouse arredor dos temas do relevo xeracional, as mulleres rurais, o cooperativismo e mercado, a calidade e sustentabilidade e o desenvolvemento rural.
Concretamente, tratouse a incorporación da mocidade á actividade agraria, o seu acceso á terra e continuidade das explotacións, así como a incorporación das mulleres á titularidade das explotacións e a súa participación nos órganos de decisión. Abordouse tamén o apoio público ás cooperativas, transformación agroalimentaria e comercialización, alén das medidas que se toman co obxectivo de manter a actividade agraria e fixar poboación no territorio.
Ademais, estudaron a valorización dos produtos locais a través de figuras de calidade diferenciada, como as denominacións de orixe (DO) e as indicacións xeográficas protexidas (IXP), ás que se suma a produción ecolóxica e a Artesanía Alimentaria.