María José Gómez amosa a súa preocupación porque o acordo europeo sobre a PAC deixe de lado a súa prioridade que é o financiamento
A conselleira do Medio Rural critica que o Goberno de España non estea centrado en loitar por un orzamento suficiente destas políticas que chegue ás persoas agricultoras e gandeiras nun momento delicado polos sobrecustos en alimentación e enerxía
Lamenta que o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, se felicite ao mesmo tempo que recoñece non ter chegado a un acordo firme, e insiste na necesidade de blindar os fondos para desenvolvemento rural
Di que é preciso garantir, a nivel de Estado membro, que o 10 % do chamado obxectivo rural e o anticipo de fondos da revisión intermedia cheguen ao medio rural, para apoiar a competitividade das explotacións, favorecer a incorporación de persoas mozas e dar estabilidade ao sector
Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, amosou hoxe a súa preocupación porque o Goberno de España “non estea centrado en loitar por un orzamento suficiente da PAC que chegue ao agro nun momento no que as persoas agricultoras e gandeiras están a sufrir os sobrecustos en cuestións tan importantes como a alimentación do gando”.
Nesta liña, Gómez non comparte o optimismo amosado polo ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, quen vén de felicitarse polo pírrico acordo acadado onte no Consello Europeo. A conselleira lamenta que o titular de Agricultura recoñeza que España “non está en condicións de negociar a futura PAC”, como recollen algúns medios.
Ademais, Gómez lembrou que as comunidades autónomas e as organizacións agrarias lle advertiron ao ministro que o esencial era un orzamento “suficiente” e que se blinden os fondos do (ata agora) segundo piar da PAC, os de desenvolvemento rural. Trátase, engadiu a conselleira, de garantir que o 10 % do chamado obxectivo rural e os 45.000 millóns de euros adicionais procedentes do anticipo do pago intermedio cheguen ao medio rural, para apoiar a competitividade das explotacións, favorecer a incorporación de persoas mozas e dar estabilidade ao sector.
Neste sentido, Galicia e outras autonomías veñen esixindo que se reserven a nivel de Estado membro polo menos ese 10 % dos recursos dos plans nacionais e rexionais e os cartos do anticipo para desenvolvemento rural, regadíos, infraestruturas e remuda xeracional, ao considerar non se pode combater o despoboamento sen garantir recursos.
Polo tanto, a conselleira lamenta que o acordo nas instancias comunitarias, polo que se felicita Luis Planas, sexa insuficiente e deixe sen resolver o fundamental, que é o financiamento. Cómpre recordar que a Xunta está actuando para axudar ao sector a facer fronte ás actuais dificultades, con novas axudas de 3,6 millóns para paliar os sobrecustos dos fertilizantes e do gasóleo que foron aprobadas onte mesmo polo Consello do Goberno galego.