Medio Rural traballa para reforzar a presenza dos produtos ecolóxicos galegos en Biocultura 2027

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria mantivo hoxe unha reunión cos responsables da iniciativa para acordar a participación galega nesta edición

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2026

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), continúa impulsando a promoción dos produtos ecolóxicos galegos. Neste sentido, o director da Axencia, Martín Alemparte, mantivo hoxe unha reunión cos responsables de BioCultura para avanzar na planificación e coordinación da participación galega na edición de 2027.

O encontro permitiu abordar novas liñas de colaboración para reforzar a visibilidade dos produtores ecolóxicos galegos e achegar aos consumidores os valores e garantías destes alimentos, incidindo na importancia de identificar correctamente os produtos que contan con certificación ecolóxica.

Esta iniciativa enmárcase no traballo que desenvolve a Axencia para promover a produción ecolóxica galega, como amosa o seu recente apoio ao II Encontro Ecolóxico Galego, celebrado en Guitiriz e organizado por Proecogal. Ambas as iniciativas contribúen á promoción, divulgación e coñecemento dos alimentos ecolóxicos certificados, así como ao achegamento entre produtores e consumidores.

Neste contexto, BioCultura consolídase como un dos principais encontros nacionais arredor da alimentación ecolóxica, o ecoturismo e o consumo responsable, reunindo produtores, empresas e consumidores nun amplo programa de actividades comerciais e divulgativas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/10/2026