Medio Rural destaca en Etiqueta Negra o potencial da Artesanía Alimentaria Galega para acceder a novos mercados
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria visitou a Feira do Gourmet Galego, na que participaron empresas recoñecidas co selo Artesanía Alimentaria de Galicia
A Consellería desenvolveu un programa de promoción e degustacións baixo a identidade Aquí Sabemos de Artesanía Alimentaria
O director participou tamén na xornada de peche do proxecto Export Plus, orientado a impulsar a internacionalización das pequenas empresas agroalimentarias artesanais
Pontevedra, 9 de novembro de 2026
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), Martín Alemparte, visitou hoxe a décima edición de Etiqueta Negra, a Feira do Gourmet Galego, que remata esta xornada no recinto feiral de Pontevedra. Durante a visita, destacou a aposta da Xunta pola calidade diferenciada como ferramenta para mellorar a competitividade das producións agroalimentarias galegas, xerar valor engadido e favorecer a súa comercialización.
A Consellería apoiou a presenza nesta feira de empresas recoñecidas co selo Artesanía Alimentaria de Galicia, ademais doutras vencelladas a diferentes figuras de calidade diferenciada. Neste contexto, o director puxo en valor o traballo dos pequenos produtores e elaboradores artesáns, que combinan tradición e innovación, contribuíndo a preservar o patrimonio gastronómico galego e manter a actividade económica no rural.
Baixo a identidade Aquí Sabemos, co obxectivo de promocionar a Artesanía Alimentaria, desenvolvéronse unha serie de actividades de presentación e degustación conducidas polos cociñeiros Marcos Arufe e Ángel Parada. A programación incluíu tamén o showcooking Aquí Sabemos de Artesanía Alimentaria, celebrado o sábado, con elaboracións a partir de produtos artesáns e outros alimentos galegos amparados por selos de calidade diferenciada.
Apoio á internacionalización
No marco da súa visita, Martín Alemparte participou tamén na xornada de peche do proxecto Export Plus, impulsado polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e cofinanciado polo FEDER a través do programa Interreg España-Portugal (POCTEP). Esta iniciativa ten como obxectivo facilitar o acceso das pequenas empresas agroalimentarias artesanais da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal aos mercados internacionais.
Neste sentido, o director destacou que a calidade, a orixe e a singularidade dos produtos galegos constitúen unha oportunidade para competir en novos mercados, ao tempo que incidiu na importancia de que os consumidores identifiquen e escollan os alimentos amparados por selos de calidade diferenciada e fortalecer a economía rural.