A Xunta pon en valor a formación especializada do persoal técnico de prevención para avaliar os riscos psicosociais e ergonómicos nos centros de traballo
A xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia, Adela Quinzá-Torroja, clausurou en Lugo un ciclo de catro seminarios nesta materia desenvolvidos desde outubro nos centros territoriais do Instituto
Esta liña de traballo terá continuidade en 2027 ao abeiro do plan integral de benestar laboral coa ampliación da formación en ergonomía e psicosocioloxía aplicada e co reforzo dos medios humanos e técnicos do propio Issga
Lugo, 12 de novembro de 2026
A xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, clausurou hoxe en Lugo o ciclo de seminarios técnicos Avaliación e integración preventiva no ámbito da psicosocioloxía aplicada, unha iniciativa de formación especializada desenvolvida desde outubro nos catro centros territoriais do Instituto e dirixida a reforzar as competencias do persoal técnico de prevención.
A formación, incluída no plan de actuación do Issga para 2026, abordou os criterios e as ferramentas necesarios para avaliar os factores de risco psicosocial de orixe laboral e integrar os resultados na planificación preventiva. A través da análise de casos prácticos e do intercambio de experiencias, traballouse na identificación destes factores e na elaboración de medidas preventivas que permitan actuar sobre a organización e as condicións de traballo.
A iniciativa dirixiuse principalmente a persoal técnico dos servizos de prevención propios e alleos, incluídos os das administracións públicas e os servizos de saúde, así como a profesionais dos gabinetes de prevención das organizacións sindicais e empresariais.
Continuidade no marco do plan integral de benestar laboral
Esta liña de traballo terá continuidade en 2027 no marco do Plan integral para a mellora da prevención, o benestar laboral e a reincorporación saudable ao traballo en Galicia 2026-2029, que establece unha folla de ruta para avanzar na mellora das condicións de traballo, reforzar a prevención dos riscos laborais e promover a saúde e o benestar das persoas traballadoras.
Neste contexto, o Issga —como organismo técnico de referencia— prevé dar continuidade a este tipo de seminarios e ampliar a proposta formativa en ergonomía e psicosocioloxía aplicada, co obxectivo de consolidar un modelo de capacitación práctica que proporcione aos profesionais ferramentas para identificar, avaliar e previr os riscos laborais.
Así mesmo, o Instituto avanzará no reforzo dos seus medios humanos e técnicos e no desenvolvemento de actuacións específicas para mellorar as condicións de traballo, con especial atención aos trastornos musculoesqueléticos e aos riscos psicosociais.