Román Rodríguez comparte cos directores de institutos de Galicia as novas medidas de protección ao docente, que inclúen sancións ante agresións
O conselleiro de Educación explicoulles os cambios na normativa de convivencia para reforzar o bo clima nas aulas e avanzar na tolerancia cero ante as agresións
A actualización conta cun apartado específico para a prevención e resposta fronte ao acoso e ciberacoso ao alumnado, que implicará o cambio de centro no caso do ensino obrigatorio
Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, compartiu cos representantes da Asociación de Directores e directivos de IES de Galicia, ADDIGA, o novo paquete de medidas da Xunta para reforzar a convivencia nas aulas e protexer a autoridade do profesorado que inclúe sancións ante agresións.
O titular de Educación do Goberno galego expuxo que, aínda que en Galicia existe unha boa convivencia nas aulas, é necesario seguir reforzando este clima de “respecto, responsabilidade e convivencia como unha condición necesaria para garantir o proceso de aprendizaxe e blindar a calidade do noso ensino”.
Para o caso concreto de agresións aos docentes por parte das familias, a través da lei de acompañamento aos Orzamentos 2027, refórmase a normativa de convivencia, á que se incorpora un novo réxime administrativo pioneiro en España de infraccións e sancións económicas que irán desde os 300 euros das infraccións leves ata os 15.000 euros das moi graves.
Deste xeito, a Xunta incorpora unha vía administrativa propia de protección, prevención inmediata e reparación do dano causado, polo que a protección do profesorado “deixa de depender unicamente da resposta interna do centro ou, en casos extremos, da vía penal”, explicou o conselleiro. Estas consecuencias administrativas proporcionais á gravidade dos feitos serán compatibles coas posibles responsabilidades civís ou penais correspondentes.
Ademais, paralelamente, poderanse adoptar medidas provisionais de protección mentres se tramita o procedemento, como pode ser a limitación temporal do acceso ao centro educativo ou da participación nas actividades escolares ou das canles de comunicación co profesorado afectado.
Así mesmo, o conselleiro informoulles da “inminente” entrada en funcionamento da Oficina de apoio ao profesorado, un novo servizo para reforzar a protección do docente e o recoñecemento legal como autoridade pública. A través desta oficina, a Consellería de Educación proporcionará acompañamento e orientación aos docentes no exercicio das súas funcións, incluído asesoramento e asistencia xurídica, de ser necesario.
Educar no valor das normas
Por outra parte, Román Rodríguez fixo fincapé tamén na importancia de educar ao alumnado “no valor das normas” e a necesidade de establecer medidas específicas “cunha finalidade educativa e reparadora”. Nesta liña lembrou que, mediante a modificación da normativa de convivencia tamén se actualizou o marco para responder ás novas formas de conflitividade, mellorar a gradación e eficacia das medidas e incrementar a protección do alumnado e do profesorado.
En canto ás medidas correctoras previstas, para o caso de condutas de maior gravidade establécese a suspensión da asistencia ao centro por períodos máis amplos ou o cambio definitivo de grupo, por exemplo. No caso concreto de situacións de acoso e ciberacoso establécese, con carácter xeral, o cambio de centro nas ensinanzas obrigatorias ou a perda do dereito a continuar escolarizado no centro nas restantes ensinanzas, para quen cometa esta conduta. Nestes supostos, a medida poderá estender os seus efectos á imposibilidade dunha nova matrícula no centro.