Rueda destaca que a Xunta crea novos programas para impulsar a transferencia de resultados de investigación ao mercado con máis de 20 M€ para 2027
Salienta que “se duplica o orzamento” e se pasa “de catro a nove” apoios
O Consello aproba Galicia Transfire, un paquete de medidas para incrementar o volume e a calidade da investigación que chega ao mercado, tanto desde os centros de coñecemento como potenciada desde as propias empresas
Por primeira vez articúlase un itinerario integral de apoio, con instrumentos adaptados aos distintos graos de madurez do traballo investigador
Créanse as unidades mixtas de transferencia ou un novo programa para detectar os proxectos con maior potencial xa nas fases iniciais
Destaca dúas novas liñas de axuda para proxectos “en biotecnoloxía, intelixencia artificial e cuántica”
Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello deu luz verde “a destinar máis de 20 millóns de euros o vindeiro ano a promover a transferencia de coñecemento da investigación feita en Galicia, a I+G+i”. “Isto supón duplicar o orzamento e pasar de catro a nove programas”, indicou.
Segundo explicou o presidente, trátase dunha parte fundamental da investigación: conseguir que os resultados da investigación que se leva a cabo en Galicia cheguen ao mercado “en forma de novos produtos e servizos” e contribúan a xerar riqueza e a aumentar a calidade de vida da cidadanía. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, a través da Axencia Galega de Innovación, dá un paso máis nesta materia de transferencia e duplica as iniciativas, con instrumentos de apoio adaptados a cada etapa de maduración, co obxectivo de que os resultados avancen progresivamente cara a súa aplicación comercial.
O Goberno galego pon en marcha Galicia Transfire, un conxunto de nove medidas que, por primeira vez, se articulan nun itinerario integral de apoio, con instrumentos complementarios adaptados aos distintos graos de madurez do traballo investigador. O obxectivo deste paquete de instrumentos é incrementar o volume e a calidade da transferencia de resultados de investigación ao tecido produtivo galego.
As medidas agrúpanse en dous niveis complementarios. Por unha parte traballarase na transferencia desde os centros de coñecemento, con medidas que identifican, validan e preparan os resultados de investigación para o mercado e que crean pontes estables co tecido produtivo, como son as unidades mixtas de transferencia, os doutoramentos industriais, os Primeiros Pasos cara a Transferencia, Ignicia Proba de Concepto 2027 ou Impulso Venture Builder.
Por outra parte, este paquete de medidas pon tamén o foco na transferencia cara á empresa: iniciativas que permiten ás empresas absorber, desenvolver e escalar tecnoloxía en Galicia e en Europa, como serán as novas convocatorias para o desenvolvemento de proxectos en biotecnoloxía, e deep tech (IA e cuántica), e as liñas de axuda Vinnovate 2027 e Neotec 2027.
Trátase dun conxunto de actuacións coherentes e complementarias que acompañan os resultados de investigación ao longo do seu camiño cara ao mercado, desde os máis incipientes ata os que están máis preto da súa explotación. Parte das actuacións están cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 e implican un desenvolvemento orzamentario plurianual.
Cinco instrumentos de nova creación
Cinco das nove medidas son instrumentos de nova creación. As unidades mixtas de transferencia teñen como obxectivo crear estruturas de colaboración estables entre universidades e centros tecnolóxicos para que o coñecemento xerado na universidade avance cara niveis de madurez máis altos e chegue ao tecido empresarial.
Os Primeiros Pasos cara a Transferencia é outra das novidades, cubrindo o tramo máis temperán, anterior incluso á proba de concepto. Con este instrumento, segundo indicou Rueda, trátase de identificar a tempo os resultados de investigación con potencial de mercado, para que non se perdan nesta fase inicial e maduralos ata que poidan optar a instrumentos de valorización como o programa Ignicia Proba de Concepto, que sería o seguinte paso.
Outra das novidades é o programa Impulso Venture Builder, dirixido aos centros de coñecemento galegos, para fomentar a creación de empresas a partir dos resultados da súa investigación mediante a aplicación do modelo venture building. Este enfoque permitirá a identificación de tecnoloxías con potencial de mercado e o acompañamento experto durante o proceso de creación e consolidación de novas iniciativas empresariais. Con este instrumento búscase tamén reducir a incerteza asociada á explotación comercial destas tecnoloxías e facilitar a captación de investimento privado para a súa chegada ao mercado.
Ademais, tal e como resaltou o titular do Executivo galego, haberá dúas novas liñas de axudas específicas para desenvolver solucións innovadoras en “tres sectores estratéxicos”: a biotecnoloxía e o deep tech (intelixencia artificial e cuántica), ámbitos nos que Galicia ocupa un lugar destacado, cun ecosistema estable na comunidade autónoma e proxectos punteiros en Europa. Os beneficiarios serán empresas e organismos de investigación que deberán agruparse para desenvolver solucións innovadoras.
Consolidación de Ignicia ou doutoramentos industriais
As outras catro medidas de Galicia Transfire son a continuación de instrumentos que xa se aplican na comunidade, con resultados probados. Un deles é Ignicia Proba de Concepto. Esta iniciativa apoia proxectos de transferencia de tecnoloxía con resultados xa obtidos que precisan validarse en condicións reais. O obxectivo é a chegada ao mercado destes resultados, principalmente, mediante a creación dunha spin-off do centro de coñecemento ou a licenza de tecnoloxía a unha empresa.
Por outra parte, o programa de doutoramentos industriais chegará o ano que vén á súa sétima edición e seguirá incorporando novos doutorandos e doutorandas a empresas e centros tecnolóxicos onde realizarán teses vinculadas a proxectos de I+D+i en sectores estratéxicos para Galicia. Este programa ten tres obxectivos: captar mozos e mozas investigadores para proxectos en sectores estratéxicos de Galicia, formalos nunha contorna empresarial e facilitar que se incorporen despois a esas entidades como persoal doutor.
Outras dúas medidas xa implantadas en Galicia e que continuarán en 2027 son as convocatorias Vinnovate e Neotec. A Axencia Galega de Innovación financiará a participación galega na cuarta convocatoria do mecanismo europeo Vinnovate, para consolidar a presenza das empresas e centros galegos en proxectos interrexionais próximos ao mercado.
No caso de Neotec 2027, unha nova edición do programa de recuperación da excelencia rescatará os proxectos de empresas de base tecnolóxica galegas que obteñan o selo Neotec na convocatoria estatal e que queden sen financiamento por falta de crédito. Con esta liña de axudas consolídanse novas empresas cuxa estratexia de negocio se basea no desenvolvemento de tecnoloxía propia.