Belén do Campo participa na campaña de doazón de sangue no edificio administrativo da Xunta para fomentar a solidariedade entre o persoal e a cidadanía
A delegada do Goberno autonómico trasladou o seu sincero agradecemento a todas as persoas doantes, e de maneira especial nesta ocasión, ao persoal da Xunta e ás persoas usuarias do edificio administrativo, polo seu compromiso cun xesto solidario que salva vidas
A Coruña, 17 novembro de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto ao responsable de Xestión de Colectas e Hemodoazón, José María Vázquez, participou esta mañá na campaña de doazón de sangue “Un alento de vida”, desenvolvida nunha unidade móbil instalada no lateral da gasolineira do edificio administrativo da Xunta, en horario de 09:30 a 14:30 horas, co obxectivo de fomentar a participación das traballadoras e traballadores da Administración autonómica e da cidadanía coruñesa. Na xornada de hoxe tamén participaron na doazón a directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freira, o director territorial da Consellería de Economía e Industria, Isidoro Martínez e a directora territorial da Consellería de Política Social, María Blanco.
Esta iniciativa enmárcase dentro das campañas que leva a cabo a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) para achegar este xesto solidario a empresas e organismos públicos de toda Galicia, facilitando así a participación da poboación na doazón de sangue. Neste senso, a delegada lembrou que ADOS visita periodicamente o edificio administrativo da Xunta na Coruña.
Máis de 1.200 doazóns nos edificios administrativos da Xunta
Belén do Campo puxo en valor a colaboración dos traballadores dos edificios administrativos da Xunta de Galicia na Coruña coas campañas de ADOS. As unidades móbiles da Axencia comezaron a visitar estas instalacións en xullo de 1994 e, desde entón, desenvolveron un total de 59 campañas de doazón.
Na última visita, realizada en abril deste ano, rexistráronse 28 doazóns, cinco delas de persoas que doaban por primeira vez. A campaña con maior participación de todas as realizadas nestas dependencias tivo lugar en marzo de 2016, cando se acadaron 41 doazóns.
Ao longo deste período contabilizáronse un total de 1.201 doazóns de sangue nos edificios administrativos da Xunta na Coruña. Unha achega solidaria que permitiu, por exemplo, realizar arredor de 600 intervencións cirúrxicas ou atender 240 pacientes oncolóxicos.
Durante a súa visita, Belén do Campo puxo de manifesto a importancia de colaborar neste tipo de campañas e lembrou que en Galicia son precisas máis de 400 doazóns de sangue cada día para garantir o correcto desenvolvemento da actividade asistencial nos centros hospitalarios. Trátase dun recurso imprescindible, xa que o sangue non se pode fabricar e ten unha duración limitada, polo que é fundamental manter as reservas nun nivel adecuado.
A representante autonómica destacou tamén que cada doazón permite obter tres compoñentes diferentes —plasma, plaquetas e glóbulos vermellos— que se empregan no tratamento de distintas enfermidades e que resultan esenciais para atender as necesidades dos pacientes. De feito, estas doazóns contribúen a axudar arredor de 30.000 persoas enfermas cada ano.
A delegada da Xunta trasladou tamén o seu sincero agradecemento a todas as persoas doantes e, de maneira especial nesta ocasión, ao persoal da Xunta e ás persoas usuarias do edificio administrativo, polo seu compromiso cun xesto solidario que salva vidas. Así mesmo, destacou que este centro se caracteriza pola súa implicación constante no desenvolvemento destas campañas de doazón.
A representante do Goberno autonómico lembrou que a rede de ADOS conta cunha importante infraestrutura para facilitar as doazóns en toda Galicia. Cada día, dez unidades móbiles percorren diferentes puntos da comunidade, aos que se suman os locais fixos de doazón situados nas sete grandes cidades galegas. Na xornada de hoxe, as unidades móbiles estiveron tamén presentes en distintos concellos da provincia da Coruña, Betanzos, nos servizos centrais de Inditex, no CPFP Fesan en Santiago de Compostela, en Carral, en Oroso, en Touro e en Ferrol. Mañá mércores as unidades móbiles desprazaranse ao centro de investigacións agrarias de Mabegondo, nos servizos centrais de Inditex, na alameda de Santiago, Negreira, Camariñas, Ferrol e Mugardos.
Belén do Campo aproveitou tamén para lembrar que poden doar sangue as persoas con boa saúde, de entre 18 e 70 anos e cun peso superior aos 50 quilos. A doazón apenas require uns 15 minutos e, antes de realizala, o persoal sanitario efectúa unha revisión do estado de saúde da persoa doante, na que se comproban parámetros como o pulso, a tensión arterial e o nivel de hemoglobina. Ademais, recoméndase acudir ben hidratado, non facelo en xaxún e levar o DNI ou outro documento identificativo.
A delegada destacou o compromiso da provincia da Coruña coa doazón de sangue, como reflicten os datos correspondentes ao ano 2025. Así, no conxunto dos concellos da bisbarra da Coruña rexistráronse importantes cifras de participación, con Arteixo á cabeza en taxa de doazón por habitante, con 48 doazóns por cada 1.000 habitantes, seguido da Coruña, con 43, e Carral, con 41.
En concreto, Arteixo contabilizou 1.642 doazóns, A Coruña 10.772, Carral 281, Cambre 793, Abegondo 181, Sada 500, Culleredo 849, Oleiros 456 e Bergondo 70.
Pola súa banda, o local de doazón de ADOS situado no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) contabilizou 3.234 doazóns durante o pasado exercicio.
A delegada salientou tamén o papel fundamental que desempeñan os centros educativos e a Universidade da Coruña na promoción deste hábito solidario entre a mocidade. No ámbito dos centros educativos, destacan pola súa participación o CIFP Ánxel Casal e o CIFP Someso.
No caso da Universidade da Coruña, a campaña desenvolvida durante o curso 2025-2026 rexistrou un total de 1.144 doazóns no campus coruñés, das cales 450 corresponderon a persoas que doaban por primeira vez. Esta cifra representa un incremento do 2,2 % respecto ao curso anterior. ADOS mantén convenios de colaboración coa Universidade da Coruña e traballa estreitamente coas actividades impulsadas pola oficina da UDC Universidade Saudable, co obxectivo de achegar a cultura da doazón á comunidade universitaria e favorecer a incorporación de novos doantes.
Entre as iniciativas de sensibilización desenvolvidas destacan tamén as campañas realizadas en colaboración co Leyma Coruña, así como a presenza da Axencia en actividades de divulgación e participación cidadá como o Día da Ciencia na Rúa, a Feira da Saúde en O Temple ou CullerCiencia.
A colaboración esténdese igualmente ao tecido empresarial e ás administracións públicas, mediante visitas e campañas en empresas e organismos, entre os que figuran El Corte Inglés, Atento, Alcampo, Marineda City, Carrefour Los Rosales e Repsol.
No ámbito urbano, os barrios que rexistraron unha maior participación nas campañas de doazón foron Cantón-Obelisco, seguido de Conchiñas, Catro Camiños e Os Rosales.
A campaña de Nadal, un momento clave para as reservas de sangue
A delegada lembrou que durante esta segunda quincena de novembro estase a desenvolver a recta final da primeira fase da campaña de doazón nos centros educativos universitarios e non universitarios.
Ademais, ADOS está a preparar a campaña de Nadal 2026, un período especialmente sensible para as reservas de sangue, polo que resulta fundamental contar coa colaboración e a participación da cidadanía.
Neste sentido, Belén do Campo animou a todas as persoas que poidan facelo a sumarse ás campañas de doazón e contribuír así a manter as reservas necesarias para atender as necesidades dos centros sanitarios.
Para máis información sobre a doazón de sangue ou para consultar o calendario de desprazamentos das unidades móbiles, as persoas interesadas poden visitar a páxina web de ADOS (ados.sergas.gal), as súas redes sociais ou chamar ao teléfono gratuíto 900 100 828.