A Consellería de Sanidade acolleu esta mañá o encontro Liderando a innovación en saúde, na que se presentaron os avances rexistrados nos proxectos transfronteirizos orientados á procura de respostas sanitarias novidosas Transfiresaúde e Innov4life

Gómez Caamaño destaca a posición de vangarda da sanidade galega tras ser recoñecida a nivel europeo pola súa Estratexia de compra pública innovadora

O departamento sanitario da Xunta foi galardoado nos Premios Europeos do Sector Público 2025-26

Desde 2012, o Executivo galego investiu máis de 120 millóns de euros para desenvolver solucións innovadoras no ámbito da saúde

O titular de Sanidade destaca a capacidade de Galicia para avanzar cara a un modelo sanitario máis innovador, eficiente e centrado ás necesidades dos pacientes

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, clausurou hoxe o acto de recoñecemento da Estratexia de Compra Pública Innovadora do Servizo Galego de Saúde, que vén de ser distinguida nos Premios Europeos do Sector Público (EPSA) 2025-26.

O salón de actos da Consellería de Sanidade acolleu este mediodía a xornada Liderando a innovación en saúde, un encontro no que se abordaron os avances dos proxectos de innovación europeos no que está a participar o sistema sanitario público galego.

Acompañado polo xerente da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS), Antonio Fernández-Campa, o titular de Sanidade destacou a capacidade de Galicia para avanzar cara a un sistema sanitario máis innovador, máis eficiente e, sobre todo, máis próximo ás necesidades dos pacientes.

Así, e en alusión a estas fortalezas, o titular de Sanidade apuntou que este recoñecemento deriva da alta cualificación dos profesionais sanitarios galegos, do tecido investigador e empresarial da comunidade e da importancia de establecer colaboracións con outros territorios cos que Galicia comparte retos e características sociodemográficas.

Deste xeito, puxo en valor as achegas que ofrecen proxectos transfronteirizos como Transfiresaúde ou Innov4life, dous exemplos de colaboración que permiten “sumar capacidades, compartir coñecemento e transformar boas ideas en solucións concretas para a cidadanía”.

Transfiresaúde contribúe a fortalecer o ecosistema de investigación e innovación da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, impulsando a colaboración entre institucións, centros de investigación e empresas para dar resposta a desafíos compartidos, como o envellecemento activo da poboación, a medicina personalizada ou a mellora dos procesos asistenciais na atención primaria.

Pola súa banda, o proxecto Innov4life promove, a través dunha rede transfronteiriza de Living Labs, o desenvolvemento e a validación de solucións tecnolóxicas orientadas a mellorar a calidade de vida das persoas, cunha especial atención ás demencias e ao deterioro cognitivo.

Desde 2012, o Executivo galego investiu máis de 120 millóns de euros para desenvolver solucións innovadoras no ámbito da saúde.

No peche da súa intervención, Gómez Caamaño subliñou que este prestixioso premio internacional acadado é froito do esforzo colectivo dos profesionais do Servizo Galego de Saúde, da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS), os socios portugueses, as universidades, os centros de investigación, o tecido empresarial e as asociación de pacientes.

Así, remarcou que o compromiso da Xunta é seguir apostando pola investigación e a cooperación, lembrando que o verdadeiro éxito da innovación debe medirse pola súa capacidade para mellorar a vida das persoas.

Este proxecto está cofinanciado pola Unión Europea, a través do Programa de Cooperación Interreg España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.

 

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/11/2026