A Xunta presenta en Bruxelas a Lei de educación dixital de Galicia como exemplo de boas prácticas
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, debulla no marco dunha xornada na Fundación Galicia-Europa o contido deste texto “pioneiro a nivel estatal e europeo”, aprobado onte no Parlamento autonómico
Salienta que o obxectivo é blindar o uso da tecnoloxía “como unha ferramenta ao servizo da calidade, a equidade e a igualdade de oportunidades no ensino”
Galicia ostenta este semestre a representación das CCAA ante o Consello da UE, acontecemento no que se enmarca esta visita, e precisamente mañá o conselleiro intervirá no Consello de Ministros para defender a postura común das comunidades
Bruxelas, 18 de novembro de 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presentou hoxe en Bruxelas a Lei de educación dixital de Galicia, como un exemplo de boas prácticas neste eido. Mediante este texto legal, establécese a tecnoloxía como “unha ferramenta ao servizo da calidade, da equidade e da igualdade de oportunidades” no eido educativo.
Así o expuxo esta tarde no marco dunha xornada na Fundación Galicia-Europa, onde destacou que esta norma aprobada onte no Parlamento de Galicia é un texto “pioneiro” a nivel estatal e europeo que afonda na consolidación do modelo galego de ensino híbrido, onde os recursos tradicionais se combinan cos dixitais, ao tempo que se lle saca o máximo rendemento ás novas ferramentas dixitais, “pero sempre respondendo a unha finalidade pedagóxica”, subliñou.
Neste senso, a Lei de educación dixital de Galicia ten como obxectivo afrontar con seguridade os retos da transformación dixital social e tecnolóxica no ensino desde unha abordaxe integral que abrangue a regulación dos dereitos e deberes de todos os membros da comunidade educativa -administracións públicas, centros educativos, docentes, alumnos e familias- e determinar os usos permitidos e prohibidos da intelixencia artificial no ensino, entre outras cuestións.
A lei artéllase en torno a seis eixos concretos que son o uso da tecnoloxía adaptado ao alumnado e orientado á mellora educativa, a seguridade e a protección nas contornas dixitais, a regulación clara dos dereitos e deberes da comunidade educativa para asegurar o benestar e a convivencia dixital, o reforzo do papel do profesorado e a organización dos centros, a participación das familias e a regulación da IA.
Galicia ostenta este semestre a representación das CCAA ante o Consello da UE, acontecemento no que se enmarca esta visita, e precisamente mañá o conselleiro intervirá no Consello de Ministros para defender a postura común das comunidades.