Belén do Campo pon en valor o Bono Autónomo que beneficiou a 42 autónomos na comarca de Ordes que recibiron máis de 175.000 euros da Xunta

O programa está dirixido a favorecer a consolidación de negocios con máis de 3 anos e medio de actividade e mellorar a súa competitividade mediante investimentos en instalacións, maquinaria, equipamento ou dixitalización

Ordes (A Coruña), 19 de novembro de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo,   xunto ao alcalde de Ordes, José Luis Martínez, achegouse hoxe a dous establecementos do municipio que recibiron axudas do Bono Autónomo, unha iniciativa coa que o Goberno galego busca favorecer a modernización dos pequenos negocios e contribuír á consolidación do traballo por conta propia.

Durante a visita, Belén do Campo coñeceu de primeira man os investimentos realizados polas dúas beneficiarias, que recibiron un total de 14.000 euros, 7.000 euros cada unha, para mellorar os medios cos que desenvolven a súa actividade profesional.

Por unha banda, Rebeca Riveiro, responsable do centro de fisioterapia Abrente, destinou a achega á adquisición dun novo equipamento de radiofrecuencia, unha tecnoloxía empregada en tratamentos musculares e articulares. Pola súa parte, María del Pilar Ríos investiu a subvención na compra dun tractor agrícola, co que poderá mellorar os recursos materiais necesarios para o desenvolvemento do seu traballo.

A delegada salientou que estes dous exemplos amosan a diversidade de necesidades ás que dan resposta as axudas autonómicas e a súa utilidade para que os profesionais poidan incorporar novos equipamentos, actualizar os seus medios de traballo e mellorar a prestación dos seus servizos.

Datos provincia

No conxunto da provincia da Coruña, estas achegas chegaron a 771 persoas traballadoras autónomas, cun investimento superior aos 2,7 millóns de euros. Na comarca de Ordes, pola súa banda, resultaron beneficiarios 42 autónomos, que recibiron un importe global de 175.000 euros.

Belén do Campo subliñou que o traballo autónomo constitúe unha parte esencial da economía galega e do dinamismo dos concellos. “Cada pequeno negocio representa un esforzo emprendedor, un investimento e unha oportunidade para xerar actividade económica e emprego. Desde a Xunta queremos estar ao lado destes profesionais en todas as etapas dos seus proxectos, tamén cando precisan modernizarse, medrar e afrontar novos retos”, afirmou.

O Bono Autónomo

A representante autonómica explicou que o Bono Autónomo está pensado para persoas traballadoras por conta propia con máis de tres anos e medio de actividade que desexen introducir melloras nos seus negocios e reforzar a súa competitividade.

A convocatoria de 2026 dispuxo dun orzamento de 8 millóns de euros e permitiu subvencionar o 60 % dos investimentos considerados elixibles, cun límite máximo de 7.000 euros por beneficiario.

Entre os gastos aos que puideron acollerse neste programa inclúense a compra de maquinaria, ferramentas e equipamento informático; a reforma de establecementos comerciais; a renovación de instalacións para incrementar a eficiencia enerxética ou substituír combustibles fósiles; a instalación de rótulos e a creación ou mellora de páxinas web, aplicacións e redes sociais, así como o deseño de imaxe de marca.

As axudas concedéronse mediante o procedemento de concorrencia non competitiva, polo que non se establece unha clasificación nin unha comparación entre os proxectos. Os expedientes tramitáronse segundo a orde de presentación das solicitudes coa documentación completa, unha vez comprobado que cumprían os requisitos establecidos nas bases, e ata esgotar o orzamento dispoñible. Este sistema permite resolver as peticións de maneira progresiva ao longo da convocatoria.

Unha orde unificada de apoio ao traballo autónomo

Belén do Campo lembrou que o Bono Autónomo se integra na convocatoria unificada de axudas da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que reúne cinco programas específicos para acompañar as persoas traballadoras por conta propia desde o inicio da súa actividade ata a súa consolidación e continuidade.

Xunto ao Bono Autónomo, a orde inclúe o programa de promoción do emprego autónomo, dotado con 28,9 millóns de euros, que incorpora como novidade a ampliación ata dous anos da cobertura da cota cero para as novas actividades vinculadas á agricultura, a gandaría e a silvicultura, fronte aos doce meses previstos con carácter xeral.

Completan este paquete de medidas o Bono Nova Oportunidade, cun orzamento de 1,5 millóns de euros; o Bono Remuda, tamén dotado con 1,5 millóns de euros, para favorecer a continuidade dos negocios mediante o relevo xeracional; e os incentivos á conciliación da vida familiar e laboral das persoas autónomas, que contan cunha partida de 750.000 euros.

A delegada concluíu destacando que esta planificación conxunta permite ofrecer respostas adaptadas ás distintas necesidades do colectivo autónomo, desde o emprendemento e a posta en marcha dunha actividade ata a modernización, a conciliación e a continuidade dos negocios.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/11/2026