O delegado da Xunta en Pontevedra pon en valor o papel das mulleres emprendedoras no Día Internacional da Muller Emprendedora
Pontevedra, 19 de novembro de 2026
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, visitou esta mañá as instalacións do establecemento Hangar 218, en Pontevedra, con motivo da celebración do Día Internacional da Muller Emprendedora, unha xornada que busca visibilizar e recoñecer o papel das mulleres no ámbito empresarial e a súa contribución ao desenvolvemento económico e social.
Durante a visita, o delegado puido coñecer de primeira man o funcionamento deste negocio e interesarse polo seu percorrido, destacando a importancia de apoiar iniciativas emprendedoras que contribúen á creación de emprego, á dinamización do comercio local e a dar vida ás rúas e aos espazos urbanos.
Pablo Fernández trasladou o seu recoñecemento ás persoas que están detrás deste tipo de proxectos e puxo en valor o esforzo, a iniciativa e a capacidade das mulleres para impulsar novos negocios e xerar oportunidades. Así mesmo, destacou a importancia de seguir favorecendo un entorno no que o emprendemento feminino poida medrar e consolidarse, contribuíndo a construír unha economía máis dinámica e con máis oportunidades.