A Xunta constata o crecemento dos distintos produtos elaborados con leite en Galicia de cara ao obxectivo de acadar o 75 % de transformación en 2025

Esta é unha das metas que se marca a Estratexia de dinamización do sector lácteo desenvolvida polo Goberno galego en colaboración cos axentes deste eido produtivo

Na liña de acadar este obxectivo, o leite equivalente empregado nas distintas categorías de produtos elaborados en Galicia aumentou de xeito especial na nata, cun incremento de 132.652 toneladas, e no queixo, cunha medra de 93.514 toneladas

No ano 2021 xa se industrializou na nosa comunidade máis do 63 % do leite producido e a transformación do produto incrementouse por riba do 50 % no período 2016-2021, o que supuxo unha suba de máis de 630.000 toneladas transformadas

Galicia consolídase como primeira comunidade produtora de España, sendo ademais no 2021 a décima rexión da Unión Europea, cun crecemento constante que a pode levar a escalar postos dentro da UE

Santiago de Compostela, 6 de xaneiro de 2023 A Xunta constata o crecemento dos diferentes produtos elaborados con leite en Galicia de cara ao obxectivo de acadar o 75 % de transformación no horizonte de 2025, que se marca a Estratexia de dinamización do sector lácteo galego. Así o reflicte o último informe sectorial elaborado polo Observatorio Galego da Cadea Alimentaria.

Este documento amosa que no 2021 xa se industrializou na nosa comunidade máis do 63 % do leite producido e a transformación do produto incrementouse por riba do 50 % no período 2016-2021, o que supuxo unha suba de máis de 630.000 toneladas transformadas. Ademais, entre 2018 e 2021 aumentouse en 473.377 toneladas o leite transformado na nosa comunidade, o que supón un 33,45 % de incremento.
 
No período que abrangue dende o ano 2016 ata o 2021 o leite equivalente empregado nas distintas categorías de produtos elaborados en Galicia aumentou de xeito especial na nata, cun incremento de 132.652 toneladas, e no queixo, cunha medra de 93.514 toneladas. Salientan tamén as subas rexistradas no leite concentrado (máis de 33.000 t) e no leite en po desnatado (por riba das 13.000 t).
 

Primeira comunidade española

No informe recóllese tamén, con datos, a consolidación de Galicia como primeira comunidade produtora de España. Así, constátase que a nosa comunidade foi entre xaneiro e outubro de 2022 a que experimentou un maior volume de entregas de leite (preto de 2,5 millóns de toneladas), que representan o 40,75 % das rexistradas a nivel nacional.

A maiores, o estudo sinala que en 2021 Galicia foi a décima rexión produtora da Unión Europea, cun crecemento constante ano tras ano, sendo a que máis aumenta das que teñen producións similares, polo que, de manterse esta tendencia, podería escalar postos dentro da UE.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/01/2023