A Xunta presenta ao Terceiro Sector os novos contidos virtuais cos que apoia a formación para que a cidadanía acredite as súas competencias clave

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, presentou este recurso a unha cincuentena de profesionais de entidades que axudan a preparar as probas de matemáticas e linguas a galegas e galegos sen ESO ou Bacharelato

A Xunta estima que unhas 4.000 persoas poidan participar na avaliación deste ano, que está previsto celebrarse en Silleda no mes de maio

O prazo de inscrición para tomar parte nas probas remata o 10 de febreiro e as solicitudes pódense cursar a través da Sede Electrónica

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2023 A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, presentou hoxe por videoconferencia, ante unha cincuentena de profesionais que traballan en entidades do Terceiro Sector, os recursos e contidos que a Xunta de Galicia pon a dispor, por primeira vez a través do seu Campus Virtual, para que as persoas interesadas poidan preparar as probas de competencias clave en matemáticas e linguas xa convocadas para este 2023.

No seu compromiso de seguir apostando por unha poboación activa cualificada, Lado anunciou que o Goberno galego ofrece estes recursos co obxectivo de que as persoas poidan autoprepararse para as avaliacións de competencias clave que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade convoca cada ano e que no caso deste 2023 está previsto celebrar no mes de maio no recinto feiral de Silleda. Estas probas permitirán acreditar os coñecementos en matemáticas e comunicación en lingua castelá, galega e inglesa de persoas que carecen da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) ou o Bacharelato co obxectivo de facilitarlles o acceso á formación para o emprego e para cursar os certificados de profesionalidade que inclúen este nivel educativo como requisito.     

“Estamos ante un novo recurso especialmente dirixido a aquelas persoas que non poden acceder a accións formativas que lles permitan cualificarse nos ámbitos profesionais nos que queiran desenvolver a súa traxectoria laboral”, indicou Lado, quen lembrou que todos os contidos para a autoformación están a dispor no Campus Virtual de Emprego Galicia (https://campusvirtualemprego.xunta.gal/) para que os candidatos poidan preparar as probas ao seu ritmo e de forma flexible.

Con motivo da publicación da convocatoria o pasado 10 de xaneiro de 2023, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade trasladou esta opción formativa ás entidades que traballan na atención a persoas que adoitan participar nas avaliacións, coa finalidade de que colaboren na súa preparación. Entre as organizacións participantes na sesión de hoxe estiveron: Aspace, Acopros, Cogami, Fundación Secretariado Gitano, Fundación Érguete, Down Galicia, Fademga, Acción contra el hambre, Cermi-Galicia, Fundación Juan Soñador e a Asociación Boa Vida Inclusión Activa e EAPN-Galicia.

O Goberno galego estima que unhas 4.000 persoas poidan interesarse pola convocatoria 2023 das probas. A presentación de solicitudes rematará o próximo 10 de febreiro e as inscricións poden tramitarse na sede Electrónica da Xunta (procedemento TR306A).

Con medidas como esta a Xunta de Galicia trata de favorecer o acceso á cualificación profesional de galegas e galegos, sen que a súa formación académica previa poida resultar un impedimento á hora de incrementar as súas opcións laborais no futuro. 

Dende 2009 ata 2022, solicitaron participar nestas probas un total de 41.529 persoas.

Para obter máis información xeral sobre as probas e exemplos de exames, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade ten a dispor das galegas e galegos con interese nas probas a web: https://empregoeigualdade.xunta.gal/formacion/competencias-clave.

Data de actualización: 18/01/2023