A Xunta comeza as obras de rehabilitación integral e enerxética do IES A Xunqueira I de Pontevedra cun investimento de 735.000 €

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, asistiu este mediodía ao inicio dos traballos e á sinatura da acta de replanteo, que tiveron lugar poucos días despois da concesión da licenza de obra por parte do Concello

A actuación consistirá na modernización de toda a fachada, a renovación do revestimento interior e da iluminación, a dotación de falsos teitos, a mellora dos aseos, a creación dunha nova aula e a instalación dun ascensor

“Temos en marcha unha decena de actuacións nos centros públicos da cidade cun orzamento de 15 M€, o cal demostra o compromiso da Xunta co ensino, pero para nós non se trata dun punto e final, xa que continuamos a avaliar as súas necesidades para seguilos mellorando aínda máis”, sinalou o representante autonómico

Pontevedra, 26 de xaneiro de 2023 A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, comezou na xornada de hoxe as obras de rehabilitación integral e enerxética do IES A Xunqueira I de Pontevedra cun investimento de 735.000 euros.

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, asistiu este mediodía ao inicio dos traballos e á sinatura da acta de replanteo, que tiveron lugar poucos días despois da concesión da licenza de obra por parte do Concello de Pontevedra. Neste acto estivo acompañado polo xefe territorial de Educación, César Pérez, e representantes do centro educativo e da empresa adxudicataria.

 

“Temos en marcha unha decena de actuacións nos centros públicos da cidade de Pontevedra cun orzamento de 15 millóns de euros, entre as que se atopa esta importante obra no instituto da Xunqueira, que era un dos nosos anhelos e hoxe comeza a facerse realidade. Creo que todo o noso proxecto para os centros educativos de Pontevedra demostra o compromiso que temos dende a Xunta co ensino público, pero para nós non se trata dun punto e final, xa que continuamos a avaliar as súas necesidades para seguilos mellorando aínda máis”, sinalou o representante autonómico.

 

“Cremos que todas estas actuacións, enmarcadas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, contribúen a que os centros sexan máis confortables e funcionais e elo, engadido á calidade do profesorado e á xestión do noso sistema educativo, permite que Galicia manteña uns altos estándares no ensino público, tal e como reflicten os bos datos que obtemos continuamente no Informe PISA”, engadíu Luis López.

A actuación proxectada no IES A Xunqueira I consistirá na modernización da fachada coa instalación de illamento térmico en cámara de aire e tamén do mesmo material polo seu exterior para os forxados e de zócalos antihumidades, ao tempo que se procede á substitución dalgunhas novas carpintarías exteriores, vidros e caixas de persianas.

 

Así mesmo, procederase á mellora de elementos construtivos interiores coa subministración e montaxe de falsos teitos con paneis acústicos protexidos de la de roca e planas de policarbonato e a renovación dos revestimentos interiores con pintura plástica.

 

Finalmente, crearase unha nova aula no espazo dos vestiarios anexos á sala de tecnoloxía, substituirase de xeito global a iluminación interior con sistemas eficientes e de maior luminosidade e calidez, instalarase un ascensor eléctrico con capacidade para oito personas orientado a cumprir coas necesidades de accesibilidade e melloraranse por completo os aseos da planta de acceso ao edificio, coas súas correspondentes instalacións, a causa da citada construción deste elevador.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/01/2023