A Xunta e a Deputación de Pontevedra avanzan na transmisión da titularidade da Finca de Lourizán e a Escola de Cantería

A colaboración entre ambas as administracións está a facer o proceso máis áxil do previsto e permitirá materializar as cesións nun prazo máximo de tres meses

Púxose de manifesto na xuntanza mantida hoxe pola comisión mixta de seguimento do protocolo para as transferencias

Pontevedra, 26 de xaneiro de 2023 A comisión mixta de seguimento do Protocolo xeral de intencións para a transmisión da titularidade da Finca de Lourizán e da Escola de Cantería por parte da Deputación Provincial de Pontevedra á Comunidade Autónoma de Galicia reuniuse hoxe para avanzar no proceso de cesión. Na xuntanza participaron a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Manuel Vila, ademais de asistir o xerente da Axencia Galega da Industria Forestal, da Consellería do Medio Rural, Ángel Bernardo Tahoces.

A colaboración e vontade de diálogo entre ambas as administracións está a permitir o desenvolvemento áxil dos traballos, segundo se puxo de manifesto no encontro, no que se acordou redefinir o calendario das cesións. Así, a previsión é que a transmisión destas titularidades se materialice nun prazo máximo de tres meses fronte aos seis previstos inicialmente.

Cómpre sinalar que no proceso de transferencia da Escola de Cantería se garante a transferencia de todo o persoal mantendo as actuais condicións laborais. Ademais, estase xa elaborando unha proposta formativa de cara ao vindeiro curso, axeitada ás necesidades do sistema produtivo e educativo actual co fin de obter o máximo rendemento das instalacións da escola de cantería e da súa traxectoria. O obxectivo é impulsar as ensinanzas de Formación Profesional na provincia de Pontevedra para darlles resposta ás necesidades de alumnado e empresas.

No caso da Finca de Lourizán, a súa titularidade vaille permitir á Xunta traballar na recuperación deste espazo de alto valor histórico e forestal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/01/2023