O conselleiro de Educación, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, comproba o resultado das obras xa rematadas

Román Rodríguez salienta que a mellora do Colexio Rosalía de Castro de Bóveda é un exemplo da aposta educativa da Xunta polo rural

O Goberno galego acaba de investir preto de 400.000 € na mellora deste centro coa renovación de ventás, iluminación e unha nova aula para alumnos con necesidades
 

Instálase unha nova pista multideporte que usarán os estudantes no horario lectivo e todos os veciños o resto do tempo
 

Bóveda (Lugo), 30 de xaneiro de 2023

A Xunta de Galicia acaba de investir preto de 400.000€ na mellora arquitectónica e de dotación de servizos do colexio CEIP Rosalía de Castro de Bóveda, é “un claro exemplo da aposta educativa do Goberno galego polo rural”, segundo salientou o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, durante unha visita ás instalacións acompañado polo delegado autonómico en Lugo, Javier Arias.

O titular de Educación da Xunta puido comprobar de primeira man o resultado das tres intervencións levadas a cabo no colexio e que se suman a outras anteriores.

 

Confort e consumo enerxético

A intervención máis destacada é a obra de mellora arquitectónica, que supuxo un investimento de preto de 260.000€. Nesta liña procedeuse á substitución das carpinterías da fachada posterior e lateral, con 29 novas ventás, reformáronse os aseos e instaláronse falsos teitos e iluminación LED. Todo isto redunda directamente nunha mellora do confort para o conxunto da comunidade educativa así como en aforro no consumo enerxético.

Así mesmo, o colexio de Bóveda é un dos dez da provincia de Lugo nos que se instalou unha pista multideporte, cun orzamento de preto de 71.000€ cofinanciada entre Xunta e Concello ao abeiro da liña de axudas habilitada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para este tipo de infraestruturas seguindo as especificidades do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica.
 
Nesta liña, estas novas instalacións deportivas dos centros teñen un dobre uso: de carácter educativo durante o horario lectivo e aberto a todos os veciños o resto do tempo. “Preténdense, deste xeito, promover unha vida sa entre o alumnado e permitir a práctica de, candomenos, cinco deportes, nun mesmo espazo polifuncional”, explicou o conselleiro.
 
A terceira das intervencións neste centro foi a dotación dunha nova aula de conduta, equipada para atender ao alumnado con necesidades específicas de atención educativa, cun orzamento de en torno a 48.000€.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/01/2023